Opinión

Sobre as presentacións dos libros

Agora os días son tan grandes que ós que traballamos na labranza fánsenos eternos. Antigamente, para matar un pouco o tempo, asubiabamos e cantabamos. Agora deixamos que canten outros, é dicir, metemos uns auriculares nos oídos e deixamos que a música que temos no móbil faga o resto. O que pasa é que coa música, por aquilo de que será porque é morriñosa, pensamos unha barbaridade. E neses días tan longos dá tempo de pensar en todo. Por exemplo; que Cataluña volve estar na súa máxima actualidade; que a Liga de Campións está aí, á volta da esquina; que a rula mira para o norte e o pombo canta para o sur; que o día estaba raro-raro, pois tan axiña saía o sol como unhas nubes negras se apoderaban da Costa da Gándara. 

Mais houbo un pensamento que me mantivo moi ocupado: o das presentacións dos libros (ás veces asisto a algunhas). Entendo que os autores queiran vender ben as súas novelas, queiran facerlle abondo publicidade; pero as presentacións non deberían existir. Así de simple. E se queren facelas, pois moi ben, que falen sobre o autor, que este se saiba vender. É que falar dos libros é moi complicado. Ás veces contan cachos de trama, ou de estilo, ou de xénero. Por que non deixamos que sexa o lector o que descubra todo? Os libros nin tan sequera deberían poñer nada nas contraportadas ou nas solapas. Lelo a cegas? Pois si! Co bonito que é descubrir un por si mesmo o argumento, os personaxes, as características. Nin tan sequera deberían dicir se é un thriller ou unha novela policial ou de aventuras ou se se nota certa soidade nela. Que sexa o lector o que descubra se hai mortes ou se hai retranca, se hai escenas de sexo ou amores compartidos. Como se pode vender ben entón un libro? Unha portada rechamante? Un título que engaiole? As editoriais adoitan ter xente que vale para esas cousas. Nas presentacións, cando se fala dos libros xa vas un pouco condicionado sobre o que vas ler. Co bonito que é descubrir por un mesmo todo ese mundo que puxo aí o autor. Durante boa parte do día, a este labrego, para evadirse, para liscar un chisco do cansazo, déuselle por pensar neses libros ós que quere entrar a cegas.

Te puede interesar