Opinión

Sobre soldos e comisións

Hai catro días escribín un relatiño para Pingas de Orballo (que no momento de escribir isto aínda non se publicara) no que falaba das dedicacións exclusivas nos concellos e deputacións, e dando a entender de que agora todo o mundo se quere meter na política (de aí a proliferación de tantos partidos) para mamar do teto da vaca.

Pois ben, non sei se foi ó seguinte día ou ós dous días cando asomaron publicacións sobre os soldos que empezaban a implantar os novos alcaldes e os presidentes das deputacións. Ante isto, corroboro aínda máis o meu malestar ou a miña denuncia sobre eses soldos que me parecen, non excesivos, senón estratosféricos en concellos que tampouco é que sexan tan importantes. Hai alcaldes que nun santiamén xa se subiron o soldo nun 30%. Cando para o paisano de a pé se algunha vez lle soben algo é, como moito, o 1 ou o 2 por cento. Como moito. Hai alcaldes que van ganar case 54.000 euros ó ano. Unha barbaridade! Para un servidor, ese soldo, nin tan sequera o merecería un alcalde dunha gran cidade. Alguén estará pensando na responsabilidade que implica, que supón tal posto. Como a dun bombeiro? A dun ATS? A dun mestre? A dun garda civil? A dun médico?

O alcalde de Vilanova de Arousa, o paspán ese de “chacha para todo”, seica ganará 53.065 euros, e resulta que di que aínda cobraría máis como médico. E digo eu, por que non se quedou de médico? Porque a min non hai quen me quite da cabeza de que, a maiores do soldo, hai comisións, favoritismos e “trapicheos” que axudan (e moito) a encher as arcas deles. Intúo que cada vez que aparece algún concurso para a adquisición dalgunha obra de certa envergadura, aí as comisións e favoritismos inician o baile de San Vito.

E xa que comentaba ó principio o das dedicacións exclusivas, agora xa se sabe que, en Ourense, por exemplo, máis da metade dos concelleiros vivirán á nosa costa. Ourense, que se pode dicir que é unha vila grande, nada máis. E todo o que acabo de comentar neste recuncho multiplicado por dous. É dicir, o mesmo coas deputacións, claro. Digo o que dicía nese Pingas: somos os tetos da vaca.

Te puede interesar