Opinión

Sobre un libro en branco

Boto a correr polo outeiro abaixo e esnafro contra os toxos que se atrancan no camiño. Como cando un se esnafra cos soños. Pero levanto, claro; teño que erguer e seguir perseguindo os anhelos, as ilusións que nunca se van. Que ninguén pense que me vou sentir derrotado. As derrotas só chegan cando non loitas. Eu sempre loito. Aínda que só sexa coa imaxinación. Fun un guerreiro dos tempos da covardía. Pero tampouco me importa ser un guerreiro dos tempos da bravura, dos tempos da intrepidez. Que para iso vou e veño polo universo infinito, polas carballeiras da inocencia e polos barullos da miña conciencia. Esta, hai que dicilo, furga moito. Por entre os feitos que foron, por entre os actos que puideron ser e por entre a esperanza que será. Pego un salto para alcanzar aquela nube de algodón na que descansarei logo dunha loita continua por un doce que é, por un sabor que será. Hai latexos que rebentan por unha flor amarela. E gustos que deixan un sorriso nos beizos. Bailo sobre a punta dun folio en branco para enchelo con intuicións que, baixo un soño nostálxico, sempre se cumpren. Como cando contemplo a estampa dunha rula... que está aí, que voa e eu sigo o seu voo coma se perseguise os desexos, os meus desexos. Deixo de correr, deixo de saltar, deixo de bailar e quedo quieto para ler os sentimentos que escribín sobre un libro en branco. Que un tamén ten sentimentos.

Te puede interesar