Opinión

Sólida visión

Deixade paso ó mañá” e “A pícara puritana” non son tanto películas complementarias (un drama sentimental e unha comedia tola, contempladas desde un punto de vista superficial) como as dúas caras dunha mesma moeda: nin a primeira é tan melodramática como parece, nin a segunda tan desenfreada como aparenta (Leo McCarey xamais perde de vista o seu principal interese, por debaixo do torrente de comicidade: os esforzos case inconscientes dunha parella por salvar, non xa o seu matrimonio, senón moitos anos de vida en común, de diversións compartidas e amigable complicidade), de modo que, no terreo do cine americano dos anos 30, ambas resultan tan persoais como premonitorias.

Tanto o relato cinematográfico entendido dunha maneira fragmentaria e minuciosamente improvisada, como a decantación do xénero da comedia cara á “outra cousa”, cara á unha especie de híbrido indefinido e indefinible entre o cómico e o dramático, serán, pois, as bases maiores do cine de Leo McCarey entre 1937 e 1945, anos de “As campás de Santa María”, e culminación mestra dun dos ciclos máis fértiles do cine clásico americano. En total trátase unicamente de seis películas, seis ensaios dun estilo cada vez máis perfecto, máis insólito no seu radicalismo estético, pero o certo é que entre un extremo e outro, entre “Deixade paso ó mañá” e “As campás de Santa Maía”, esténdese xa con total coherencia unha ampla e sólida visión do mundo e da arte cinematográfica: mentres o “Ti e eu” de 1939 aborda unha atrevida combinación de comedia e melodrama, e “Houbo unha lúa de mel” (1943) establece consecuentemente o límite ó que podía chegar McCarey na súa indagación dos aspectos máis negros do xénero, tanto “Seguindo o meu camiño” (1944) como “As campás de Santa María” renuncian xa a calquera tipo de estrutura dramática ou xenérica para adoptar un ton fluidamente lacazán e aparentemente desordenado que no fondo oculta unha elaborada unidade de estilo e de intencións.

Te puede interesar