Opinión

A sombra que nos acompaña

Opinión

A sombra que nos acompaña

Cos ollos a piques de caer vencidos á primeira hora da tarde, deixo que o corazón busque a nostalxia daqueles días que foron e, por que non, que poden incluso volver. Porque xa se sabe que o tempo pasa e que todo cambia. Do bo pasamos ó malo e deste volvemos ó bo. É lei de vida. Así, os recordos tamén veñen e van por entre o beiril dun balcón e ante a luminosidade do reflexo dun espello. Como dicía aquel, sempre nos quedará a sombra que nos acompaña ou a saba que nos abraza.

Cos ollos xa vencidos deixo que os soños se acomoden sobre a herba verde dunha soidade que, co tempo, botará a correr. Porque hai soidades que espertan e espállanse polas contornas da algarabía. Sei que a confianza asomará por entre as estrofas da novela ou os versos do poema, por entre os piornos das Costelas ou os codesos das Veigas. Agora que cada un lle busque tres pés ó gato ou que lle cate a alguén as pulgas. Porque os gatos miañan e as pulgas saltan. Pasa o tempo e os soños bambean a conciencia dun sentimento; daquel que queda atado ou pexado a uns meses nos que a felicidade bailaba, por exemplo, sobre o niño dunha rula. As rulas voan e van desde as silveiras do Río Vello ata as matogueiras do Caneiro. Tamén os soños van e veñen polos días nos que un sorriso o dicía todo e as palabras quedaban colgadas sobre a cor vermella dunha esperanza eterna. Agora toca esperar a que o tempo siga pasando para que unha nube branca, ou mellor aínda, unha perla negra carrexe ou leve ou transporte a ilusión de todo un conto.