Opinión

O tempo era un suspiro

Raios de sol que entran por entre os canastros da Aira d'Arriba e os nenos que corren para acocharse por entre os palleiros da infancia. Que tardes aquelas nas que o tempo era un suspiro! Pero tamén, que medos aqueles nos que unha voz de mando era unha orde sen refungar, sen rosmar! Os nenos apertan as pernas para non mexar cos nervios; saben que un ruidiño de nada os pode delatar, ou simplemente chega co pensamento. Logo, cansos de xogar van polo agro abaixo para visitar o mazadoiro da burga e, alí, cada un conta as súas penas e pesares, os seus chistes e brincadeiras. O tempo corre de présa... porque sempre hai algún que ten que liscar coma o peido do cu se non quere que unhas mans encalecidas lle partan a cara. Non todo é harmonía na casa do pobre. Raios de sol que se acochan polo outeiro de Brandín. O neno disponse a acomodar as vacas.

Te puede interesar