Opinión

Tempos aqueles...

Opinión

Tempos aqueles...

Estou a velas vir. É dicir, de pasmón. Contemplo o horizonte e non vexo nada, nin aquí nin alá. Tan só escoito a Thomas Newman e soño con voar sobre Sudalomba. O monte de Sudalomba dá para escribir unha novela e catro poemas. Aínda que case sempre mataba o tempo lendo ou xogando co can. Xogar con Uriarte era como suar sen traballar e rir a cachón. Nunca me aburría. Ás veces ata as vacas deixaban de pacer para contemplar as nosas trouleadas. Eran tempos de felicidade absoluta. E, si, infantil. Pero acaso hai algo máis bonito que a infancia?

Estou a velas vir. É dicir, de paspán. Xa non intento contemplar nada porque nada vou ver. Tan só escoito agora a Jerry Goldsmith co seu tema “Under Fire”, o mellor tema do mundo mundial que se fixo para unha banda sonora cinematográfica. Escóitoo porque é domingo. Simplemente por iso. Mentira! Porque me gusta. Nada máis que iso. Ó mesmo tempo soño con voar por todo o monte de Pinouzos. Aterro en Barricobos. Se en Sudalomba pasaba as mañás, en Barricobos eran as tardes onde enchía a miña alma de felicidade, de saudade. Porque aquí, a maiores do Uriarte, estaban os barrancos, nos que, cun mangado de fentos, postos baixo o traseiro para non esgazar o pantalón, esvarabas ata o infinito e máis alá. Ou sexa, ás veces, ata o propio trompazo. Eran zoupadas que non doían. Tempos aqueles nos que un ata se divertía só. E sen móbiles. Chegaba un libro, unha vara para descargar a adrenalina contra as silvas e os toxos, algo de imaxinación e o Uriarte.