Opinión

O terceiro da triloxía

Opinión

O terceiro da triloxía

Existen discrepancias sobre quen tivo a idea de facer “O bo, o feo e o malo” (1966). O guionista Luciano Vincenzoni quere todo o mérito ó explicar que o filme naceu grazas a que tivo a iniciativa de levar a un equipo da United Artists a un cine de Roma para asistir á proxección de “A morte tiña un prezo” (1965). Estes viron tal entusiasmo no público que inmediatamente formalizaron con Vincenzoni un preacordo de distribución para a seguinte película de Sergio Leone. Non obstante, este, o director, declararía máis tarde que a idea do filme fora súa desde un primeiro momento.

O filme, que antes de empezar a rodaxe se titulaba “Os dous magníficos farrapeiros”, contou cun presuposto de 1.300.000 dólares, que semella que era pouco para aquela época, pero excesivo para tratarse dun spaghetti-western e, para máis aquel, italiano e sen coprodución con España e Alemaña (como acontecera nos dous filmes anteriores da triloxía de Leone) e a pesar de que a maior parte se rodaría no noso país e contaría cunha boa morea de intérpretes españois, en papeis secundarios, claro.

Sergio Leone tivo moitos problemas para conseguir que Clint Eastwood traballara por terceira vez con el. Aínda que pareza mentira, estes dous homes, e a pesar de facer as dúas películas anteriores xuntos, nunca foron amigos, e a discusión sobre quen tivo maiores méritos á hora de acadar os seus primeiros éxitos foinos separando na súa relación persoal. Eastwood tamén dicía que o seu personaxe (o bo, que, por certo, tamén chegaran a ofrecerllo a Charles Bronson) era menos transcendente que o do feo, de feito o auténtico protagonista do relato. E se acabou aceptando o papel, foi a cambio dun salario de 250.000 dólares, máis un 10% dos beneficios netos nos países occidentais e un 400% de aumento nun ano. Isto, Leone tomouno como unha ofensa.

A Sergio Leone si que non lle custou demasiado que Lee Van Cleef interpretase ó malo, sen antes, por suposto, tentar de novo a Charles Bronson. Para o feo si pensou nun primeiro momento en Gian Maria Volonté, que tamén traballara nas dúas anteriores, pero ó final optou por un terceiro intérprete norteamericano: o gran Eli Wallach. Por falta de espazo deixarei para a próxima columna cinematográfica máis cousas ou anécdotas de “O bo, o feo e o malo”.