Opinión

Terxiversando acontecementos

Quero camiñar sobre as augas, pero afondo. Así é que vou ter que facer o de toda a vida: arremangar as perneiras do pantalón ata os xeonllos e goldrar o río Arnoia con dirección ó monte de Pinouzos. Definitivamente, non son Xesus Cristo. Que seica andaba sobre as augas sen mollarse. Que tío! E multiplicaba os pans e os peixes. Nós tan só alcanzabamos ata oito pans nas fornadas. Porque ían de semana en semana. Tamén o señorito disque se deixaba lavar os pés por unha tal María Magdalena. Ou el tiña bandullo para non agacharse ou quería mostrar quen era o amo e señor da situación. Seguro que ata lle cataría as pulgas do pelo! Porque aí, na súa cabeza, tiña que aniñar de todo. Hai personaxes históricos que non son tan aquel como a vida ou o tempo os pinta. Menos mal que sempre podemos e debemos terxiversar algo os acontecementos. A ver, se non a vida sería moi aburrida. Eu hoxe mesmo non asimilo a Xesús Cristo predicar no deserto. Que va, home!; se se lle tiña que secar axiña a boca. E ninguén fala ben coa boca seca. Seino por experiencia; de cando veño de sachar unha leira enteira ou de cargar tractores e máis tractores de leña. O que pasa é que nos queren meter a hipocrisía polos ollos e as mentiras pola boca. Veña, home, veña... converter a auga en viño. Onde se viu outra! Se fora así, os abstemios estariamos mortes de sede. Xa cho digo! Goldrei o río e achegueime ata os penedos de Barricobos onde, outro, que pensaba que era Xesús Cristo, esculpiu o escudo do Real Madrid en  dous luscofuscos de silencio e coas vacas de por medio.

Te puede interesar