Opinión

Tiempo de espera

Tempo de espera. Nunha noite de lúa chea. No recanto dunha habitación calquera. Tempo de espera no que o silencio non fai ruído e no que a escuridade é un sentimento ermo. Aínda que de cando en vez asoma John Coltrane e xa case todo cambia: un soño que busca o que non consegues atopar, unha esperanza que vai e vén por entre as carballeiras da lembranza ou por entre os carreiros do devezo, da paixón; unha quimera que senta na parede dun sentimento ou no valado dun agarimo. Tempo de espera no que a señardade contempla o niño da rula para, logo, deixar que a algarabía dos latexos marquen ou escriban toda unha novela. Ou un poema. Todo rima segundo o desexo furgue por entre as telas dunha indumentaria que te abriga. Ou que che sobra. Hai almas que se quedan núas para berrar por un aloumiño que non chega, que nunca chega. E tan só alcanza os oídos a trompeta de Miles Davis. Tempo de espera na cama dunha ilusión que te manda ó país dos soños. Aínda que moitas veces non sabemos soñar. E quedamos esperando polo percorrido dun pensamento que se perde unha e outra vez polos confíns do universo. Do meu universo, do teu universo, do noso universo. Tempo de espera.

Te puede interesar