Opinión

Todo é política

Sabemos que cando acontecen varias desgrazas ou calamidades seguidas adoitamos dicir aquilo de que “non saímos dunha e xa estamos noutra”. O mesmo, o mesmo que coa política (que, por suposto, polo menos a nosa, é unha calamidade), pois por fin rematamos co esperpento da asignación de presidente, pero metémonos de cheo xa nunha nova campaña electoral. Fartos de rexouba, entramos na carallada. E ante tanta algueirada xunta, a xente vai dicindo por aí ou subindo ás redes que rexeitemos un pouco ou un moito as votacións. A ver, tampouco é así; votar hai que votar. Pero hai que saber a quen se vota. E con moito coidado, xa que despois pasa o que pasa: os amigos pactan cos teus inimigos, os teus inimigos traizoan logo ós amigos e sentan o cu na poltrona precisamente ós que nunca votarías na vida. Ai a política...

Tamén tivo que haber algo de política na nacionalidade dese rapaz chamado Asun Tati, que con 16 anos, está na boca de tods por xogar ben ó fútbol e por querer que xogue cos nosos nacionalizados. Seguro que calquera paisano de a pé dá máis voltas que un sarillo e durante un bo espazo de tempo para acadar unha nacionalidade desexada desde, ó mellor, anos ha. Pero claro, cando o cu aperta dámoslle mil voltas ó mundo. Perdón, a algúns chégalles cunha reviravolta.

Tampouco sei que política pode haber para que na nosa cidade existan dous equipos de fútbol co mesmo nome. Si, xa sei que se diferencian pola UD e pola CF. Pero eu, agora mesmo, teño que botar man do San Guguel para saber que o Unión Deportiva Ourense é o ex CD Ourense e que o Ourense Club de Fútbol é o ex Ponte. Entenderedes que o que non podo facer, cada vez que leo este xornal, é consultar o Guguel para saber cal é un e cal é o outro. Tamén sei que se fora un gran fanático do noso fútbol provincial, non me debería ocorrer iso. Pero un chega ata onde chega, ou sexa, a desvivirme polo trunfo de todos eles, pero sen furgar máis. Non se lle podería cambiar o nome a un deles? Ata penso que quedaban moi ben os das súas orixes. Claro que se hai algunha política metida no asunto, aí xa non dou máis de min.

Te puede interesar