Opinión

Todo semella inevitable

Recoñezo que fun ver a película “Inevitable” (2013), que se proxectou na sección Inédito en Ourense, polos seus protagonistas, por Darío Grandinetti, por Federico Luppi e pola nosa Mabel Rivera. Case é normal que, ante este elenco, as súas interpretacións non me decepcionaran. Non o fixeron. A película empeza en Santiago de Compostela (é unha co-producción hispano-arxentina), nos anos 50, coa luz fría dos días chuviosos e unha composición que evoca os recordos. Axiña se traslada a acción ó Bos Aires da transición, ó dos anos 80, para que alí un banqueiro e a súa familia vivan unha vida aparentemente normal, pero cunha crise interior máis grande do que eles pensan.Dirixida e en parte escrita (con Héctor Carré) por Jorge Algora, “Inevitable” pretende realizar un lenzo do amor a partir do seu propio nome.

Hai cousas que escapan á racionalidade, aínda que os propios protagonistas saiban no máis profundo do seu ser que están obrando mal, seguirán por ese camiño porque nada lles impide apartarse. Todo semella, polo tanto, inevitable. E con esa premisa vanse encadeando diversas situacións que poñerán a proba o carácter dos protagonistas. O filme acocha reflexións moi acertadas sobre situacións polas que todos atravesamos algunha vez na nosa vida. Quizais non acabe de funcionar tan perfectamente, porque ó final todo acaba sendo unha mestura algo irregular de personaxes, historias e momentos que evolucionan de maneira un tanto previsible.

Pero aínda así, “Inevitable” entretén e sostense moi perfectamente neses inmensos protagonistas que amosan un drama romántico, con sabor agridoce, sobre os encontros, as casualidades, o amor e as formas de interpretar o amor. E xa para rematar, comentar que o marabilloso grupo galego de folk Berrogüetto é o encargado de realizar a banda sonora, mesturando tango con moito toque de jazz. É unha composición moi boa, que acompaña o ritmo do filme e engrandéceo.

Te puede interesar