Opinión

Tristeza na realidade diaria

Empezan a vendernos de tal maneira a recuperación económica do noso país que algúns xa empezan a convencerse de tal bonanza. Hai por aí medio mes que me atopei cunha crónica que me deixou máis que pampo. Polo que chegan a facer algúns (parados e xubilados; normal) para ganar tan só 10 euros. Dez euros que, mirándoo ben, hoxe en día é unha cantidade ridícula. 

Pois ben, eses, ós que lle chaman os aplaudidores dos programas e concursos e debates, tíranse toda unha xornada para acadar esa bonanza que causa o ter 10 euros. Empezan ás catro da tarde esperando o autobús que os levará ó lugar de gravación do programa. Logo fan cola ata as sete, que é cando realmente empeza a gravación. Gravan ata as doce e media da noite e volven en autocar a Madrid. Imaxino que o autobús sairá máis ou menos do centro, polo que moitos teñen que empregar case ou sen case unha hora en chegar á parada e o mesmo tempo cando volvan para as súas casas. 

Ou sexa, que o que viva no arrabalde, e para ganar os 10 euros cos que lanzarán as campás ó voo, ten que coller o camiño “da recuperación” ás tres da tarde para chegar “rico” á casa a iso da unha e pico ou dúas da noite. Practicamente doce horas por 10 euros! Alguén dá máis, señores? E agora a seguir vendéndonos o carro cargado de ilusións, bonanzas, riquezas e recuperacións á velocidade do AVE. Canta tristeza hai nesta realidade diaria!

Te puede interesar