Opinión

Por esa tristura da convivencia

Armando Manzanero dime que “contigo aprendín”, aínda que nunca acaba de dicirme o que. Eu si que aprendín hoxe e estes días a tristura na que nos está envolvendo o carallo do coronavirus. Hoxe mesmo, cando fun buscar a prensa (a tan só uns 300 metros da miña casa), e ó pasar por un pequeno atallo de pouco máis dun metro de ancho que hai entre a Finca Fierro e A Valenzá, cruceime cunha señora, a cal xa viña de mercar as súas cousas. A tristura asomoume á alma ó ver como a señora se paraba nun pequeno claro que un dos valados do atallo tiña sen as típicas herbas que empezan a achicar, a minguar o camiño. E aínda así arrimouse ás pequenas herbas que saín daquel. Eu tamén tiven que arrimarme todo o que puiden ó valado do lado dereito. E todo para intentar deixar o máximo de distancia entre a señora e un servidor. Antes de cruzarnos, o meu pensamento xa fervía: saúdoa cun bo día ou paso de largo? Se a saúdo, vai ti saber, ó mellor choutan os bichos que podo levar dentro, se é que os levo. Se non a saúdo, que mala educación. Eu, precisamente, que non lle nego un saúdo a ninguén. Sempre intentei facer bromas ou burlarme un chisco do Covid-19, pero son o primeiro que recoñezo que o asunto xa é máis que serio. Por esa tristura da convivencia, do ambiente. Por eses nenos que non poden saír. Por eses sanitarios que non acougan. Por eses... Crúzaste cun amigo e tan só lle podes dicir ola coa man ou moneando a cabeza. Maldito bicho do carallo! Pero habémoste de esmagar ben esmagado. E o que ri o último ri mellor.

Te puede interesar