Opinión

Turismo cinematográfico

Xa o dicía Rubén Blades: “A vida dáche sorpresas...”. Levei unha grande hai poucos días en San Leonardo de Yagüe, na provincia de Soria, cando dando un paseo coa muller, e de casualidade, atopeime coa estación do ferrocarril desa localidade e cuns paneis publicitarios que me deixaron pampo. Tanto que non me explico como, logo de buscar datos e máis datos sobre ese municipio para pasar uns días de vacacións, non atopei nada relacionado coa rodaxe da película “Doctor Zhivago”. Porque eses paneis explicaban que nesa estación (agora pechada e coa vía do tren convertida en paseo) e nos piñeirais próximos rodáronse escenas do filme de David Lean. A gran anécdota estaba en que, logo de fartarse de esperar no inverno a que nevase sobre Soria (había que simular que se estaba en Rusia) e non facéndoo, non lles quedou outra que rodar no mes de xuño, polo que a Omar Sharif tiñan que limparlle o suor cada dous por tres, xa que, o pobre, andaba máis que abrigado e a calor era moita.

Un afeccionado fotógrafo da localidade deixou constancia desa rodaxe na que, por suposto, participaron moitos veciños, que compartiron espazo e tempo co gran Omar Sharif e coa fermosísima Julie Christie. Pero sigo sen entender por que o concello non se aproveita desa ocasión. Hai moita xente que se dedica só a iso, ó turismo cinematográfico: a ir polos lugares nos que se rodan películas. 

Te puede interesar