Opinión

Ulises Bértolo, con estilo de best-seller

Cando estaba á espera de que se iniciase a presentación do libro "Orthodoxia", do avogado-escritor Ulises Bértolo, e vin entrar na libraría Eixo á maioría da plana maior do PP de Ourense recoñezo que me asustei un chisco, e non porque se presentase un libro político -que non era o caso-, senón porque... veña, Chito, non sexas argalleiro e deixa a política a un lado. E deixándoa a un lado, axiña desconectei para prestarlle atención ó propio autor e ós dous acompañantes que se sentaron á mesa para falar do libro: Alejandro Rubín, que aínda que en Ourense o recoñecemos máis por ser o director xerente de Expourense, nesta ocasión asistía como vicepresidente da Fundación de Interese Galego Orde do Camiño de Santiago, porque, o libro, como comentarei, versa un pouco ou un moito sobre o Camiño. O outro acompañante era Roberto Bustillo, catedrático de dereito administrativo e tamén escritor.

Estes dous foron os que abriron a presentación, o debate sobre a obra, e tanto Rubín coma Bustillo gabaron a novela de Ulises, chegando a comparala incluso cun estilo literario moi semellante ó do gran escritor de best-sellers John Grisham. Porque "Orthodoxia" é un thriller cargado de suspense e historia que non lle dá tregua, non lle dá respiro ó lector. A novela tece unha trama policial enigmática en torno ó Camiño e de varios personaxes e acontecementos históricos. A verdade é que Ulises Bértolo escribiu un trepidante relato sobre a megalomanía de certas ambicións relixiosas e o valor do compromiso por defender unha crenza a través dos séculos.

Cun principio trepidante, a novela engancha desde xa. Porque, a maiores, os rápidos diálogos axudan e, ademais, nótase que fuxiu Das conversas máis intelixentes "porque todos, ás veces, dicimos trapalladas", segundo o propio autor.

Como semella unha trapallada, pero non o é, a forma que ten de escarvar, de escaravellar na orixe do mal. O mesmo Ulises Bértolo comentou que "Orthodoxia" construíuna tomando de exemplo a un malo. O autor non é parvo. De todos é sabido que o mal sempre atrae de carallo. A proba témola ben no cine: que os personaxes máis ricos en matices adoitan ser os malos. Bértolo escribiu e conseguiu unha moi boa novela baixo un misterio sanguento.

"Orthodoxia" é a súa segunda obra. A primeira, "A substancia invisible dos ceos", xa chegaron a comparala coma un Código Da Vinci musical. Tamén é un thriller trepidante que, coa base do mundo académico, formula cuestións de actualidade. Esta tamén engancha grazas a unha ambientación fantástica, unhas poucas doses de romance, unha trama con fondo, con motivo histórico e, iso si, moito misterio.

Ulises Bértolo naceu o 5 de xuño de 1967 na capital do Imperio, en Madrid, e logo de residir en varias cidades, incluídas en algunhas de Estados Unidos, acabou recalando en Santiago de Compostela, onde exerce a súa auténtica profesións: avogado e profesor de Dereito. Ó mesmo tempo colabora en proxectos de promoción deportiva e cultural, coma por exemplo, o Club Náutico de San Vicente do Grove, do que acaba de deixar a propia presidencia, e a pesar de que aínda lle quedaban dous anos máis nese cargo.

Confeso devorador de libros (rapaz, ti e máis eu somos dous!), ós que lle dá lectura de "tres en tres". Acostumado a escribir documentos monotemáticos de carácter xurídico e a participar en mediáticos procesos xudiciais, Ulises Bértolo confesa que na ficción atopa unha vía de escape. Normal.

A afección pola escritura tívoa sempre. Como avogado dedícase a escribir todos os días escritos de carácter legal ou xurídico. E xa nese momento un intenta contar algo, convencer ós demais do que conta, co cal esa é unha forma de desviar despois ese tipo de escritura cara á ficción. E creo que o consegue de marabilla. Non poucos autores poden presumir de que as súas dúas primeiras obras as comparen xa con best-sellers de fama.

Te puede interesar