Opinión

Un ano e pico perdido

Francia seica quere ter de novo un servizo militar obrigatorio. Mal feito! Espero que España non queira copiar ó país veciño. É unha perda de tempo. Que digan iso de que reforza os valores humanos ou parvalladas semellantes é algo que non me convence, que nunca me convenceu. E dígoo con coñecemento de causa. Fixen a mili e foi un ano e pico perdido. Aburrimento xeneralizado. Practicamente todas as tardes deitado na cama e sen saber que facer. Ata me aburría de ler. Despois, entrabas á cantina e entendías perfectamente que se bebese como se bebía; había que matar o tempo. E as penas. Aínda que as penas, oio!, non se matan con alcol. Lembrade que as penas saben nadar. Estiven nun cuartel de Madrid que, se nos chegaran a atacar, a ver con que nos defendiamos! Case non había nin cetmes nin mosquetóns. Durante o servizo militar perdes un ano e pico de traballo ou de estudos. Se traballas perdes o soldo dese ano e pico (ou perdes incluso o traballo) e, para máis aquel, gastas o dobre ou o triplo do que ganabas. Iso é o servizo militar. E non aprendes nada. Ou en tal caso sabes o que é amargarte ou volverte nugallán. Os valores que se supoñen no servizo militar son auga de bacallau. Sinceramente, oxalá non volva o servizo militar obrigatorio. E dígoo eu, que se pode dicir que vivín coma Deus; nunha oficina facendo as cartillas dos futuros soldados, sen practicamente gardas diarias nin imaxinarias nocturnas. Creo que só fixen 13 imaxinarias e 9 gardas, ou viceversa. Repito, aí só se vai perder o tempo. É que ata o mes ou mes e pico que se facía de campamento non valía para nada. O valores, en vez de os inculcar, fundíanse nunha apatía total e absoluta.

Te puede interesar