Opinión

Un berro sincero

Penélope Cruz e Luis Tosar protagonizan “En los márgenes”, unha historia que narra 24 horas na vida dunha serie de personaxes cuxos problemas fannos atravesar complicadas situacións.

Na súa ópera prima o tamén actor (gran actor) Juan Diego Botto propón un relato coral con catro historias que se cruzan. A cuestión dos desafiuzamentos (hai que lembrar, e tal como din no filme, prodúcense 100 ó día no noso país) e dos movementos cidadáns, que se articulan para tratar de frealos e defender a dignidade daqueles que perderán a súa vivenda, son os seus eixes centrais.

Botto consegue un filme intenso, con man firme, baseado nunha montaxe que consegue alterar de forma intensa os latexos do espectador, pero tamén deixalo pampo ante un excelente plano secuencia que protagonizan o propio director (que tamén actúa) fronte a Penélope Cruz, nun papel no que a actriz explora a súa vertente cotiá. O labor do director contribúe a xerar esa empatía que logra que a denuncia tan evidente e subliñada non absorba, non zugue os seus valores cinematográficos. Sempre con esa vocación de defender o dereito a ter un fogar.

Unha das maiores virtudes do filme é a humanidade que desprende. A cámara amosa a xentes desesperadas, case rotas, ó bordo do colapso. Pero, aínda así, sempre dignas. Moito máis que os bancos e os Gobernos que os traizoaron.

Realismo social nun estilo que, vendo o filme, non queda outra que pensar continuamente en Ken Loach, o director que leva toda a fama de ser o gran mestre do cine social. E o seu alumno, neste caso Juan Diego Botto, a maiores de mostrarnos un bo filme, lanza un gran berro. Un berro sincero, quizais algo afónico, pero alto e claro, que penso que é o que realmente quería.

“En los márgenes” é unha película tan colérica como emotiva, tan irregular como febril, tan ben documentada como algo inxenua, sensible. Pero que sempre a mantén a salvo o traballo dos actores, a vocación da verdade e a claridade da postura que se adopta. A pesar desa certa irregularidade, o filme é franco, fiable e sen cinismo.

Te puede interesar