Opinión

Un Spiderman infantil

Hai certos personaxes da Marvel que empezan a cansar. Por exemplo, Spiderman. Entre tantos regresos, novos comenzos, voltas e reviravoltas ó pasado case é normal que o espectador, eu, me perda un chisco polas idas e vidas do home araña. Logo, para máis aquel, tamén asoma polas películas do Capitán América e polas de Vingadores. Polo que, agora xa, mesturan uns personaxes e uns filmes con outros que, eu, ó non velos moi de seguido ando coma un peixe fóra da auga. E iso que na última que vin, “Spider-Man: Lonxe de casa” (2019), tiña a Xoel ó lado (que é un fanático da Marvel) e en murmurios, polo baixiño explicábame algo. Por certo, fanático da Marvel, pero esta película ata a el o decepcionou de tal maneira que non lle gustou moito, que xa é dicir. E se a el non lle gustou, imaxinade a un servidor.

Vina tan infantil e cuns diálogos de humor tan ineptos que pensaba que estaba vendo unha comedia adolescente de instituto e sen ningunha transcendencia. A proba é que o filme leva ó home araña e a uns cantos rapaces do seu instituto a unha viaxe turística por Europa: Venecia, os Alpes austríacos, Praga, Berlín, Londres, que xa case semella máis un filme de James Bond, pero sen a categoría deste, claro.

De todas formas, non deixa de ser unha película Marvel e nótase cando a acción se traslada a Londres e alí se converte nunha apocalipse de destrución, un auténtico mare mágnum dixital que se apodera do filme co obxectivo de acadar unha furia da aceleración e a espectacularidade. Neste aspecto si o consegue.

Non obstante, tamén confiaba un chisco na presencia do vilán, do malo representado por Jake Gyllenhaal, pero este, víase ás leguas, que estaba alí polo cheque que lle asinarían e pouco máis, cando na realidade é un excelente actor.

Entre as mellores ideas do filme aparece unha reflexión (moi lixeira, por suposto) sobre o papel da gran tecnoloxía na nosa vida. E sobre os mundos ilusorios que esta pode crear. Pero moi pouquiña cousa para un filme que se presumía moito mellor do que é.

Te puede interesar