Opinión

Un xenio chamado Welles

Cando Orson Welles chegou a Hollywood a principios dos anos corenta, confesou que o cine era o tren eléctrico máis fabuloso co que o deixaran xogar en toda a súa vida. Pero ó cine chegou dunha forma moi curiosa: unha noite de 1938 cando estaba a representar a obra de H. G. Wells “A guerra dos mundos”, nunha versión radiofónica, anunciou en directo a invasión dos extraterrestres. Foi tan realista que provocou conmoción e pánico entre os seus oíntes, algúns deles incluso saíron correndo ás rúas pensando que o ataque alieníxena era certo. Tras tal barullo, a RKO ofreceulle un contrato para filmar dúas películas. O primeiro destes títulos foi “Cidadán Kane” (1941), que realizou con tan só 24 anos. A partir de aí naceu a lenda. Aínda hoxe, logo de 78 anos, segue a ser considerada a mellor película de todos os tempos.

Orson Welles nacera o 6 de maio de 1915. Xa desde pequeno destacou pola súa precocidade artística. Dise que ós tres anos apareceu nunha representación de “Sansón e Dalila” e que ós dez dirixiu e protagonizou unha versión teatral de “O estraño caso do doutor Jekyll e Míster Hyde”.

Pero “Cidadán Kane” foi a única película que Orson Welles controlou totalmente. O seu seguinte filme, “O cuarto mandamento”, e mentres Welles estaba rodando un documental en Sudamérica, foi medio mutilado pola propia RKO. Polo que fose, Hollywood viroulle as costas a ese neno prodixio e, desde entón, a súa vida foi un incesante peregrinar polo mundo intentando rodar películas tal e como el quería. Como era un xenio conseguiuno. Filmou “Macbeth” en pouco máis de vinte días. No noso país acadou financiamento para rodar “Míster Arkadin” e “Badaladas á media noite”. Convenceu á Columbia para que mercase os dereitos dunha novela barata chamada “A dama de Shangai” e que el, claro está, converteu en obra mestra. E Charlton Heston convenceu ós executivos para que fora el e non outro quen o dirixira nun proxecto titulado “Sede de mal”, outra obra mestra. Por certo, Charlton Heston chegou a confesar que Welles “foi o home con máis talento que coñecín”. Welles morreu ós 70 anos e as súas cinsas espalláronse nunha finca de Ronda, Málaga, do seu amigo toureiro Antonio Ordóñez.

Te puede interesar