Opinión

Unha farsa de Manuel María

Agora mesmo acabo de chegar da Casa da Cultura de Barbadás de ver unha bonita farsa, un agradable esperpento, unha alegoría incontrolable, unha parodia preciosa, ou sexa, unha obra marabillosa. A obra “O meu mundo non é deste reino”, da compañía Teatro da Ramboia, é a adaptación de “Farsa de Bululú, que Manuel María escribira no 1992. Dirixida por María Peinado, a obra acadou o Primeiro Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Con tan só dous actores e diversos tipos de monicreques o espectador contempla a realidade dun totalitarismo que espreme, que esmaga, que machaca; ou a parodia dunha ditadura franquista que conxelou e que aínda conxela o sorriso. Porque nesta... comedia?, hai risas duras, risas que doen, risas de carraxe, mesmo risas de medo. A obra é un salouco que esgaza, unha queixa eterna, unha burla das marionetas que queren e conseguen controlar ós súbditos, ós submisos, é dicir, a autentica realidade. Unha realidade que semella que latexa na actualidade, que ten un fondo que produce un pouco (ou un moito) de medo. Porque todo o que se contou pode incluso volver. Ese é o medo! Penso que, hoxe mesmo, esa farsa, ese esperpento, esa alegoría, esa parodia está máis presente que nunca. Oxalá a apreciación sexa toda unha esaxeración. Oxalá. “O meu mundo non é deste reino” faise enorme grazas tamén á actuación de Anxo García e o lalinense Fran Lareu. Inmensos! Auténticos! Fixeron crible o incrible.

Te puede interesar