Opinión

Unha gran tarefa

Écerto que a actriz María Victoria Bilbao-Goyoaga Álvarez (que non é outra que Mariví Bilbao) fíxose realmente famosa grazas ós seus personaxes das series “Aquí non hai quen viva” e “A que se aveciña”; pero Mariví Bilbao fíxose actriz no teatro, como penso que se fai un que queira presumir de actor ó grande. Para facerse unha auténtica actriz e á idade duns 20 anos optou por por cambiar o nome para que o seu pai non soubera a que se dedicaba. “Bilbao era un pobo. Como para aparecer na ficha dunha estrea no periódico, o meu pai mátame”,  confesaba. O desexo de actuar xa lle viña do colexio, pero axiña chegou o teatro independente, o teatro da rúa, ese teatro no que non se ganaba un can porque o que acadaban na recadación facíalles falta para o transporte, para andar de aldea en aldea ou de vila en vila. A súa paixón polas táboas fixo que se tivera que marchar da casa para exercer o seu oficio. Isto custoulle facer as paces co seu pai ata ben entrada en anos. Tiña paixón polo teatro, pero tamén recoñecía que era “moi fodido. É unha vida que tes que controlar moito; o teatro é moi duro e por iso é tan bo”, remachaba.

Mariví Bilbao era unha muller intelixente, lareta, magnífica actriz e que fumaba coma unha carreteira. Nacera en Bilbao o 22 de xaneiro de 1930. Abandonou a serie “A que se aveciña” un ano antes da súa morte (acaecida tamén en Bilbao o 3 de abril de 2013, ós 83 anos, incinerárona e as súas cinzas esparexéronas no mar) porque se sentía cansada e quería tomarse un descanso. Normal, pois sendo octoxenaria, moitas veces tiña que erguerse ás cinco da mañá para acudir á gravación da serie. 

Aínda que ela confesaba que “a realidade é moito máis dura que a ficción. Moitas veces, esa flegma, esa pachorra que aparentas, porque tes moitos anos, non é por cachaza nin por un estar nin nada, é simplemente cansazo”, sentenciou unha vez.

A Mariví Bilbao encantáballe participar nas curtametraxes españolas, porque as curtas, xa se sabe, adoitan realizalas xente nova (lóxico, os cineastas adoitan empezar así as súas carreiras) e a ela gustáballe traballar con xente moza, que estaba algo farta de actuar para directores vellos: “Para facer de vella xa estou eu”.

Te puede interesar