Opinión

Unha mañá no Monte Medo

Pois si; o vento furga por entre os dedos da man dereita porque os da esquerda téñoos pechos. Ou sexa, teño a forza metida nun puño. A esta collina cando me acochei entre unhas xestas pensando que rondaba pola contorna un lobo de pelo gris e cairos que metían medo. Naquel momento si fungaba o vento por entre os codesos. A mañá amosa tan só unha pequena nube no firmamento. Tres vacas no monte Medo. Un can de palleiro. E un burro mirando para o ceo. Cando intúo que o medo se pode excarcerar, abro o puño e deixo que o vento furgue xa por entre os dedos da man esquerda. Pouco a pouco saio do escondedoiro e deixo que o can de palleiro se achegue a min dándolle ó rabo de contento. Canto o quero! Ó lonxe, unha rula aniña entre unha silveira e unha vaca está á espreita de oír o zunido dun tabán. É esa vaca que, tan axiña como escoite ese son, erguerá o rabo e “abeirará” por Sudalomba abaixo.

Como nada sucede, as tres vacas seguen a pacer, o can de palleiro a xogar comigo e o burro esperando a oportunidade de largar para o muíño do Dositeo, onde máis seguro que obteña a recompensa coa presenza da burra do muiñeiro. Como o sol aperta xa, collo a vara de salgueiro e inicio unha pequena conversa cos animais para que empecen a moverse camiño de Baños de Molgas. Non llo ordeno dúas veces. A tendente a “abeirar” emprende o camiño antes de que un moscón lle amargue o día.

Te puede interesar