Opinión

Uns expertos ignorantes

Canta inocencia hai no noso país! E tamén, canta ignorancia. Desde hai uns días seica se volven tolos algúns expertos porque están a investigar a bola de fogo que o sábado 22 cruzou polo norte de España. Eses expertos se leran as noticias que hai que ler, verían que o día da feira de Maceda, este mesmo xornal sacaba unha publicación na que eu me reencontraba co meu amigo extraterrestre; o alieníxena que aterrara na Pitediña de Baños de Molgas. A feira foi o día 20. A bola de fogo foi o 22. Hai que ter un chisco de cabeciña para intuír que tal ovni era o meu amigo, que marchaba de novo para a súa casa. A datas cadran moi ben. É normal que botara uns días con el. Despois de percorrer millóns de quilómetros de anos luz, non lle ía dicir cando chegou que xa podía marchar. Leveino outra vez para que se bañara na auga da burga. Ensineille a capela de Santa Eufemia. Cando estabamos dando uns paseos pola Glorieta de Os Milagres quixo falar de política, pero aí pareille os pés, digo a lingua. Díxenlle: o noso país si que semella extraterrestre; non hai quen o entenda. Así lle dixen. Ó regresar para Baños de Molgas, botámonos a voleiriñas polo Outeiro do Corno abaixo. Agora é esa “bola de fogo” que “uns expertos” están a estudar. Ignorantes! Se leran La Región...

Te puede interesar