Opinión

Vai ser complicado, pero...

Vai ser complicado. Moi complicado. O de subirme ó asteroide 2002 AJ129. E coas ganiñas que eu teño de andar, de viaxar por eses lares espaciais! Seica o día 4 de febreiro pasará moi cerca da Terra. É a miña ocasión! Pero a complicación consiste na velocidade do asteroide. A ver quen o pilla a 34 quilómetros por segundo! Iso é moito máis rápido có AVE! É coma dicir siuuunnnnn e xa está! Se aínda o mandase deterse. Pero non me vai facer caso. Normal; tería que empezar a frear xa desde moito máis alá do espazo infinito. Eu tampouco teño ningún aparato que se poida poñer á súa altura; nin tan sequera un posible achegamento. Ui se me puxera á súa altura!; tirábame en barrena. Empezo a pensar en calcular a distancia, a velocidade e o salto (no caso hipotético de poñerme por enriba da súa traxectoria e saltar) para aterrar nel. O peor é se fallo. Seguro que me esnafro ó chegar á Terra. O asunto ten o seu aquel. Tanto que xa empezo a suar coa angustia. Co bonito que sería viaxar polo mundo galáctico a esa velocidade! Teño ata o día 4 para planear algo. Se o día 5 non me ledes neste xornal é que larguei, é que o conseguín, que me agarrei ó asteroide. Desexádeme sorte.

Te puede interesar