Opinión

A velocidade da luz

Empezo a entender que Fernando Alonso non sexa tan rápido nos circuítos da Fórmula I. Nin tan sequera Louis Hamilton. Machiños, non hai como o camaleón! Que acelera a súa lingua de 0 a 100 nunha centésima de segundo. Deus, é que nin tempo dá vela! Zas! Xa está. Aquí te pillo, aquí te mato.

Perdón, aquí te trago. Imaxinade que fose un asasino a soldo. Nun santiamén non deixaría candea acesa. Sinceramente, é que nin tempo hai de dicir zas! A 100 nunha centésima de segundo!
Case, case algo moi semellante ós nenos no momento de abalanzarse sobre os agasallos dos Reis Magos. Empezan cunha caixa e, á velocidade da luz, xa están abrindo o segundo paquete, e o terceiro, e o cuarto, e así ata dez. Porque os nenos españois recibiron unha media de dez agasallos polos Reis.

Pensade agora un chisco: moitos recibiron 20 ou 30; porque sabemos perfectamente que tamén habería moitos que non levaron ningún. Unha pena. Nin tanto, nin tan pouco. Xa podía o camaleón roubarlle, á velocidade da súa lingua, algún agasallo a eses que lles sobran para os que non teñen.

Te puede interesar