Opinión

Ver sen mirar

Atravesaba o Pancracio bancos de néboa a 70 km/h. e o Celta perdía en Leganés. Non levanta cabeza. Miro o reloxo e son as nove e cuarto da noite. Wayne Shorter fai que o seu saxo deixe música celestial nos meus oídos. Libros e dicionarios sobre a mesa. Un bolígrafo sobre a mesa. Dous dedos que golpean as teclas. Quero escoitar o ruído do mar, pero estou nunha cidade de interior. Maldita sexa! Coa gozada que é escoitar o ruído do mar. Miro para fóra e vexo a noite pecha. É noite pecha. O móbil está no chan cargándose. Coa man esquerda refrego os ollos e deixo que sexa o pensamento o que vexa sen mirar algúns soños que, co tempo, sei que nunca serán realidade. Por moi bonito que sexa soñar, ás veces, tales soños quedan en auga de bacallau. Cambio de música e escoito agora o tema “Brenda, Brenda” que asoma na película “Bagdad Café”, unha dos filmes máis bonitos que vin na miña vida. E vin xa uns cantos. Volvo mirar o reloxo e tan só avanzou dez minutos. Xa se sabe que, por veces, o tempo corre á présa e, ás veces, rende que nin o demo. O bolígrafo que teño sobre a mesa é de cor vermella; para puntear, para tachar, para anotar, para apuntar. Que dirán algúns se digo que o verme luceiro que vin no atallo ergueu sobre dous caxatos de carballo e ante os meus ollos bailou un fandango? Ou, ó momento, bailou ó ritmo que Arco da Vella marcaba co seu tema “Canción de berce”? Non digades nada, porque fun eu o que lle dixen que apartase se non quería que...

Te puede interesar