Opinión

Unha vila grande, enorme, inmensa

Botei a andar. Botei a andar polas rúas da vila. A vila era grande, enorme, inmensa. A vila estaba chea de rañaceos, por un lado, e de casiñas, polo outro. A vila deixaba un certo cheiro a humanidade. Aínda que as súas rúas estaban cheas de coches que ían e viñan, que corrían e que estaban aparcados en dobra fila. Aínda que as súas beirarrúas tiñan por aquí e por alá árbores pequenos e cans que mexaban neses árbores pequenos. Das súas necesidades maiores é mellor non falar... porque hai para dar e tomar. Unha casiña da vila deixaba escapar por unha televisión ou por unha radio ou por un aparato musical a voz de Patxi Andión. Imaxino que alguén estaba homenaxeando a súa morte. Descanse en paz. Seguín andando polas rúas da vila. Crucei cun coñecido e solteille un ola. Un chisco máis adiante atopeime con outro e, a maiores do correspondente saúdo (nunca lle negarei o saúdo a ninguén), ensineille un sorriso aberto e agarimoso. Ollei para o rañaceos máis alto e perdéuseme a vista. Como notei axiña que me perdía polas rúas. Lémbrese que era unha vila grande, enorme, inmensa. Non se deberían deixar facer vilas tan grandes... perden a humanidade. Cheiran a humanidade, pero perden a humanidade. Sei que me entendedes. Na vila grande (acabo de dicilo cando me atopei con coñecidos) deixamos caer o saúdo e non imos máis alá. Mentres que nunha aldea... logo do saúdo, vai a silva que engarra, que engancha e non deixa seguir en tanto non paroles o habido e por haber.

Te puede interesar