Opinión

Visitando dúas airas

Canso de estar sentado no mazadoiro da fonte da Aira de Arriba, decido baixar polo Lugar e cando chegue á burga, volver sentar. Pero xusto cando estou á altura das escaleiras que van á Aira de Dentro deteño os meu pasos e dubido en seguir baixando ou pasar a botarlle unha ollada á citada aira. Creo que desde mozo non volvera poñer os pés nela. É máis, penso que non o volvera facer desde a derradeira malla que se fixo nesa aira, alá pola década dos 70, creo. Empezo a subir os seis banzos e cando vou na metade xa vou pensando de botarlle unha ollada tamén á Aira dos Canastros. A esta si que é verdade que se poden contar cos dedos das mans as veces que entrei ou pasei por ela. As airas, aínda que sexan un pouco comunais, é como un mundo á parte na vida das vilas ou aldeas. O de un pouco comunais refírome a que pertencen tan só a un certo número de veciños, xeralmente os lindeiros da mesma. Se son airas pequenas, o número de veciños é pequeno. E aínda que Baños de Molgas sexa unha vila pequena, cuns veciños tes máis confianza que con outros. Así, ás veces, había airas que esquivabas un chisco por iso de estar nun territorio que non coñecías ben. Ó final, camiñei por as dúas e xa baixei definitivamente sentar á burga.

Te puede interesar