Opinión

Vivir a vida

Esperto do soño e ergo coa conciencia buscando un por que de non sei que. A vida é complicada ás veces. Tan complicada que non sabes cando vives en harmonía ou cando choutas sobre as envexas que che saen de dentro. A vida é un suspiro no tempo que, por veces, nos afoga ou nos crucifica. Pero tamén, a vida é unha bágoa e dous sorrisos. Certo que a bágoa, cando cae, pode incluso formar unha lagoa; pero dous sorrisos... ai dous sorrisos. Dous sorrisos amosan o asfalto da felicidade por unha estrada sen curvas e sen atrancos. Na metade do percorrido lanzas o outro sorriso e bailan as saudades de cando o tempo era poesía e a vida todo un poema. Quen máis quen menos soña co verme luceiro da aurora. E como dirían os de Fuxan Os Ventos: temos futuro e temos mañá. Como non imos ter mañá, se a ledicia no espertar está precisamente en saber que a vida transcorrerá amodiño para chegar a unha nova saída do sol. Ese sol que quenta. Ese sol que dá vida. O futuro está aí, ó remate desa estrada. As angustias quedarán apartadas nun tempo que xa foi e os recordos... os recordos sentarán nun recanto da memoria para, co tempo, lembrar a diferencia que hai entre unha ansiedade e unha ventura, entre un lamento e unha gargallada. A vida é aquel silencio preñado de romanticismo, ou aquel ruído que pariu o berro que saíu de dentro, con forza, cuspindo sentimentos. Espertei do soño e xa teño a conciencia limpa. Non queda outra que seguir vivindo a vida que, cos seus atrancos, cos seus estorbos, cos seus obstáculos é bonita, moi bonita.

Te puede interesar