Opinión

Volver sobre as pegadas da experiencia

Saín na procura dun silencio nostálxico ou morriñento e ós vinte metros xa me atopei cun ruído demasiado abouxado. Pensei que morría de desolación. Cando cheguei ó cruce onde os recordos non teñen memoria, non me quedou outra que coller polo atallo da resignación, do conformismo. O mundo, ás veces, dá tantas voltas... A vida, case sempre, vai e vén por camiños cheos de curvas ou de atrancos que (non queda outra) hai que arrodear ou choutar. Os pequenos brincámolos e os grandes arrodeámolos. Que remedio! Na metade do camiño quixen acougar para buscar as utopías que se bambean nese continuo entresoño nocturno e só me saían pesadelos de cando unha cruz me levaba polo calvario da inocencia, da inxenuidade. Xa quixeran os recordos tumbarse sobre a almofada do tempo! E xusto cando estou chegando á meta, ó final dese camiño que está alá, case no infinito, vexo o muro dos lamentos, o valado da xemido. Maldito ruído que se apoderou do silencio! Non queda outra que pegar a volta e camiñar sobre as migas de pan, sobre as pegadas da experiencia, sobre o vestixio do pasado que fun deixando no meu camiñar. Volvín ó principio da soidade para que a inercia, a carrúa durma no ronsel dun pensamento. Do meu pensamento.

Te puede interesar