Opinión

Voz de trono

Foi o Clint Eastwood español. Foi o Robert Redford español. O Roger Moore. O Sean Connery. O Darth Vader. O Rey León. Ata foi o Schwarzenegger español. Foi Constantino Romero o mellor actor de dobraxe da nosa cinematografía. Son un fanático da versión orixinal (con subtítulos, claro), pero isto non evita que recoñeza a voz de trono de Constantino Romero. Xa digo: creo que foi o mellor. Empezou por casualidade hai máis de cincuenta anos, ó principio dándolle vida en castelán ou catalán a actores descoñecidos, pero axiña empezou a dobrar ós máis populares. A Clint Eastwood foi ó que máis dobrou; empezou con el no 1971 e seguiu ata a morte do propio Romero, acaecida o 12 de maio de 2013, ós 65 anos de idade. Dise que cando este xa estaba retirado da dobraxe, tan só volvía para dobrar a Eastwood. 

Contaba o crítico Diego Galán que cando Álex de la Iglesia pretendeu que Eastwood aparecera na derradeira secuencia da súa película “800 balas” tivo que conformarse coas costas dun dobre... e a voz de Constantino Romero; só con ela era verosímil a presenza do actor americano. “Vin cousas que vós non creriades. Atacar naves en lapas máis alá de Orión. Vin raios C brillar na escuridade preto da Porta de Tannhäuser. Todos eses momentos perderanse no tempo como bágoas na chuvia. É hora de morrer”. Este discurso final nesa obra mestra de Ridley Scott titulada “Blade Runner” ganou moita forza na súa dobraxe ó castelán. Grazas a Romero, claro.

Tampouco sería o mesmo sen a súa voz a famosa confesión que Darth Vader lle fai a Luke Skywalker no episodio V de “A guerra das galaxias”: “eu son teu pai”. Como tamén foi capaz de facer fronte a hienas e de facerlle entender ó pequeno Simba como funciona o inevitable ciclo vital no filme “O rey león”, onde dobraba ó pai de Simba. En “Terminator 2”, Schwarzenegger dicía en realidade “ata a vista, baby” e converteuno nun “Sayonara, baby”.

A Romero coñecémolo máis por presentador ou locutor. Pero a el, realmente, o que o fascinaba era o teatro. Emporiso, a vida dá moitas voltas. A del foi poñerlle o castelán na boca a estrelas de fala inglesa. 

Te puede interesar