Opinión

Un xogo divertido

Anovela Capitán de mar e guerra está ambientada polo escritor Patrick O´Brien na persecución dun barco de guerra inglés de primeiros do XIX ó buque insignia da flota napoleónica. O´Brien empezou a escribir a súa novela en 1953 e non puido editala ata 1970. Tivo boas críticas, pero a venta foi moi mala. En 1990 reeditouna e, da noite á mañá, alcanzou enormes ventas, que prolongaron a aventura ó longo de dez dos vinte libros que sobre mar e guerra escribiu O´Brien. Unha síntese da súa primeira e da súa décima novelas sobre o barco inglés tras a estela do francés é a materia argumental de Master and Commander (2003), dirixida polo australiano Peter Weir e protagonizada polo neocelandés Russell Crowe e o británico Paul Bettany.
Ten o enfoque de Weir un esquema de fondo procedente de vellas películas de mar e guerra, sobre todo da inmensa serie de piratas de Hollywood clásico, desde O cisne negro á A muller pirata, pasando por moitas outras obras mestras. Pero tamén ten que ver con Duelo no Atlántico, aínda que esta represente unha batalla do século XX, e incluso coa moi terrestre Duel, irrupción de Steven Spielberg nas leis da persecución. É, unha vez máis, o inesgotable xogo entre o rato e o gato que lle permite ó cine facernos vivir a gozosa vitoria da astucia do pequeno rato contra as garras do gran gato. O xogo de fondo de Master and Commander segue esa lóxica. É por iso un xogo divertido, expansivo. É excelente o trazado das estratexias e habilidades nas manobras de caneo do barco inglés desde o que contemplamos a persecución. A fascinación do concerto de madeiras corroídas e sonoras do vello buque funciona ás mil marabillas.
Peter Weir fai un experto traballo de posta en pantalla transparente, pero pásase un chisco de bondadoso no retrato da vida cotiá dentro do barco. A deriva deses momentos benefíciase do esmero do gran director de O ano que vivimos perigosamente e Única testemuña, pero reséntese do toque en exceso brando dos esbozos dos poboadores do buque. Aínda así, bo filme de aventuras.

Te puede interesar