Opinión

Xogo de emocións

Despois duns anos instalado no esteticismo das grandes superproducións e en certo amaneiramento á hora de contar as súas historias, o enérxico director italiano Bernardo Bertolucci volveu á rabia das súas primeiras películas, ó apartamento para dous que era “O último tango en París”. De feito, o filme do que imos falar titúlase “Soñadores” (2003), pero ben podía bautizarse como “Apartamento para tres”.

“Éramos antifascistas, aínda que nin sequera sabiamos o que iso quería dicir; o noso antifascismo era algo teatral”. Esta frase, escrita por Bertolucci no ano 1970 para “A estratexia da araña” (a súa sexta película), pode servir para definir o espírito inmerso en “Soñadores” e nos seus tres personaxes protagonistas: dous irmáns parisienses entregados a rañar a piolla mentres os seus pais andan de vacacións, e un estudante americano capaz de deixarse levar pola confusión política e social que o arrodea.

Estamos en maio de 1968. A película é un xogo de emocións continuo, no que o obxectivo é sorprender ó contrario coa pregunta máis rebuscada, coa actitude máis desinhibida, co reto máis substancioso. Os tres déixanse levar por un espírito libertario que contrasta coa súa comodidade real. Asómanse á ventá e, ó ver unha manifestación de protesta contra as autoridades, únense a ela nun xesto máis operístico que concienciudo. De feito, o que máis lles preocupa na vida é que o cheque asinado por papá chegue ás súas mans en boa hora.

“Soñadores” é tamén un xogo cinéfilo e un xogo sexual. As referencias a multitude de películas son continuas na boca deste trío de tolos polo celuloide. De “Jules e Jim” a “Banda aparte”, de Josef von Sternberg a Buster Keaton, Bertolucci introduce estes momentos na súa pantalla dunha forma maxistral, conseguindo sortear a insoportable pedantería e que os flashes cinematográficos entren polos sentidos cunha estraña dozura. Por outro lado, a escalada sexual nas actitudes do trío fainos saborear os praceres máis ocultos. Case se pode dicir que os protagonistas están máis interesados polo 69 que polo 68. Boa película.

Te puede interesar