Opinión

O tempo de lecer na terceira idade

Na Ribeira Sacra hai aldeas nas que non bule ninguén. Os derradeiros vellos que as habitaron viven agora, a corpo de rei, nas residencias dos concello como reliquias do rural de antes, testemuñas doutros tempos que se foron polo remuíño do mal nomeado progreso: a vida dos labregos por estes lares sacros con certeza está comida do demo: “En Aguil, dúas vellas e mais un candil”, xa se dicía de cando mozo.

No percorrer repousado da última etapa da vida, no curso baixo do río: “nuestras vidas son los ríos que van a dar al mar”, quizais o tramo derradeiro até confundirnos co mar océano, e formar de novo parte do cosmos, o tempo de lecer da terceira idade, xa se fala dunha cuarta, tras o rol produtivo nun eido de traballo, abofé que se albisca nun horizonte dourado que se vai dilatando máis lonxe co paso dos anos. Aires en popa a toda vela a favor da industria farmacéutica e dos implantes, negocio de residencias e balnearios, de hostais abertos en temporadas baixas; así e todo, como resultas da crise, non queremos esquecernos dos vellos sacados das residencias como sostén de familias en paro; por outra banda, asoman ó lonxe furacáns co gallo de abanearen as arcas do Estado: a dous traballadores e medio, lles toca manter a un vello; a pirámide demográfica, que tomou forma dun monicreque cabezudo, anda coma un tarambaina a piques de escarallarse contra o chan, alá se vai ir o burro coas noces: as pensións arestora consideradas sostíbeis.

Uns saen ó monte de andaina polos camiños vellos esquecéndose da artrose que vai pexando as alegrías do corpo; outros, máis indolentes, reviven o tempo pasado abaneándose coma nenos na randeeira da galería, ollando o rebulir dos veciños atarefados nos fregados do traballo, sermonando polo baixiño lembranzas pasadías; tamén hai unha puñada deles que se arrodean de libros e pasan horas illados do mundanal ruído coas lentes postas, sumando colleitas de memoria, como teimosas formigas en aportaren chicha, no campo que lles tocou furgar, a un vademecum cambiante nestes tempos que van de présa.

En troques, os que traballaron dende rapaces queren descansar nas aulas da Universidade, agora de Maiores, entrando na escola que se lles pechou de cando nenos, porén as cousas teñen o seu tempo, como os nabos no advento: coas neuronas preguiceiras por falta de uso, o intelecto dos vellos, co ferruxe de seu, vai indo lento nas entenderas á procura das vellas filósofas, amores tardíos pola sabedoría incapaces de corresponderen como Deus manda como adoitaba contarme un veciño: “Agora veñen coas codias para as bocas sen dentes, a boas horas mangas verdes, mecagoná!”

As mulleres non se xubilan. Levan a vida co xúbilo de seu nos quefaceres da casa, sachando as leitugas no terreo do resío ou, pola tarde, cos netos na casa da filla botando unha man, mentres reciben o cariño desinteresado dos nenos, véndose elas útiles e dabondo recompensadas; os sábados, teñen xuntanza de comadres no taller de artesanía, que vai a vella morrendo e vai aprendendo; os homes, en troques, baixados prematuramente do andamio, acoden, como debe ser, ó bar da esquina matando o tempo del dolce fare niente coa baralla, xogando unhas mans á brisca de seis.

Tamén hai vellos lixeiros, ceibes de atrancos (outros padecen de pernas inquedas que lles rouban o descanso co baile de San Vito) que van de acó acolá coa mochila do Imserso co degoiro de patearen outros lares, captando coa cámara unha longa listaxe de monumentos e xeografías, aproveitando as viaxes, nas andainas do outono, para marcaren o territorio cada ano máis espallado nos aliviadoiros de caprichosas formas onde deixan pegadas de pingueiras de hiperplasia. Van eles animosos en rabaño tralo guía cos ollos abertos ollando ó redor: se lles fai ó caso, curvan as poboadas cellas de vellos verdes, malia de verse xa minguados en rubiren con decoro contornadas curvas ou de culminaren con éxito a coroa do monte, que se di de Venus, calores de amor que se apagaban antes nun amén de cando eran bombeiros voluntarios.

E para rematar a pescuda sociolóxica, aínda quedan no tinteiro os yayofrautas, ou yayogaitas, que tanto dá, o colectivo de indignados de máis idade cos fillos en paro, que se arman de pancartas en contra dos recortes e da parte alícuota dos medicamentos: “Eu tomo nove pastillas ao día, e con estes sustos aínda vou ter que tomar máis”, di Carme, unha avoa de armas tomar. Outras veces, loitan en contra dos desafiuzamentos. Mal demo lles parta a crisma ós banqueiros ladros! que se quedaron cos cartiños aforrados dos vellos; agora, impotentes e tristes, van tirando dunha vida pobre, disque unha mala fada lles chiscou o ollo como preferentes e subordinados para o engano; só lles queda patexar coma burros nas protestas, acudindo en procesión de rogativas polas rúas: xuntan os enfados para sopraren cos pitos mexacáns de protesta que levará o vento; todo é en vano, pois os vellos, con certeza, é nas frautas onde teñen o tendón de Aquiles: che digo que lles fan menos caso có pito dun sereno. Parada de Sil, o corazón da Ribeira Sacra.

Te puede interesar