Opinión

A excusa da crise

Hai 40 anos as organizacións sindicais acababan de ser legalizadas, declarárase a extinción do sindicato vertical ao que os productores (como nos chamaba o rexime fascista) tiñamos a obriga de pertencer, a lei de folga aprobárase; e celebrábamos polo tanto nas rúas de Ourense , sen que houbera prohibición,  o 1º de Maio. Era un momento ilusionante de afiliación masiva ás centrais sindicais de clase, e de entrega militante, na que existía unha ansia  xeral por mudar as relacións laboráis da dictadura  para  avanzar cara a democracia e as conquistas obreiras. 

Daquelas xa se celebraran as primeiras grandes folgas da Construción e Madeira na provincia, e ante o Pacto da Moncloa, asinado por todos os grupos políticos e as centrais estatatais, houbo unha importante resposta de oposición de sectores obreiros na Galiza que dirixidos polo sindicalismo nacionalista, daquela ING, denunciábamos o entreguismo de CCOO e UGT asinando un pacto que supuxo unha importante perda considerable de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras, sen que se contemplara ninguna medida que os beneficiara. A política de pactos sociais, entre eles o ABI, AMI, ANE e outros recentes como a reforma das pensións, marcou as diferencias estratéxicas entre dous modelos sindicais que se manteñen hoxe en día, o das centrais estatais que apostan pola desmobilización, e o do sindicalismo nacionalista que consideramos que as conquistas sociais só se conseguen a través da loita nas rúas e da mobilización. Estas dúas prácticas sindicais  foron e seguen sendo as que marcaron unha importante  diferenza que dificulta as posibilidades dunha  acción sindical unitaria.

O 1º de Maio deste ano coincide cunha revitalización das mobilizacións como se constata coas longas folgas que con firmeza están levando adiante os traballadores e traballadoras de Xustiza de Galiza, ou os de Ferrovial, empresa de mantemento do CHUOU,  tamén polas masivas manifestacións que protagonizou o movemento feminista o 8 de marzo, así como pola defensa de pensións dignas reforzando a súa pertenza ao sistema público  e contra o que o goberno está levando a cabo unha  operación de acoso e derriba do mesmo co obxetivo de proporcionar un negocio suculento para a banca . 

A resposta seguirá aumentando por parte da clase traballadora como consecuencia da política de retallos de dereitos, salarios conxelados dende fai máis de cinco anos, paralización da negociación dos convenios colectivos, incremento da precariedade laboral (a máis elevada de Europa), privatización dos servizos públicos…  e no caso de Ourense polo abandono ao que está sometido por parte dos respectivos gobernos, que está provocando unha masiva e tráxica  fuxida á emigración de mozos e mozas  que buscan fóra o dereito ao emprego que se lles nega no seu país. Así,  mentres se empobrece aos traballadores e se incrementa a desigualdade social, as grandes empresas e o capital financiero seguen incrementando os seus beneficios e o seu poder económico.

Pasadas catro décadas daquel 1978,   quedou claro que a voracidade coa que actúa o capital está levando a una situación insostible aos traballadores e traballadoras,   e que a solución non pasa pola condesdencia co PP nen polos pactos das cúpulas  sindicais burocratizadas  con goberno  e empresarios, senón pola unidade de clase e pola loita para recuperar dereitos que conquerimos durante moitos anos de loita, e que o capital co seu goberno títere como altofalante,  eliminou coa excusa da crise económica.

Te puede interesar