Opinión

Transformar Ourense está na túas máns

Ao abeiro deste 1º de Maio, decidinme a facer balance do que ocupou o meu tempo durante boa parte da miña vida: a actividade sindical. Cruzáronse pola miña cabeza centos de lembranzas, boas e malas, ilusionantes e decepcionantes. Conversas con traballadores e traballadoras que se amosaban atemorizados ante a posibilidade da deslocalización na empresa na que traballaban; persoas que me contaban que espertaban na metade da noite preocupadas por se eran “ as escollidas” dese novo ERE. Mulleres que relaban as presións que recibiran durante anos para non quedar embarazadas, e que cando por fin tiveron a valentía e fortaleza para enfrontar ese medo, se atoparon cunha carta de despedimento; outras que, encollidas nunha cadeira, sen seren capaces de levantar do chan os seus ollos cheos de bagoas, relatábanme episodios de tocamentos, ou comentarios lascivos por parte dous seus responsables inmediatos. Mozos e mozas que levaban encadeando centos de contratos durante anos, que decidían rebelarse denunciando esa situación, despois de escoitar o tan temido “se a ti non che interesa, teño unha cola de xente que aceptaría este traballo”. Estas e moitas outras, poderían ser anécdotas, pero por desgraza en Ourense, son realidades esmagadoras que son demasiado habituais, e que máis aló dos datos, teñen nome e apelidos. 

Pero durante todos estos anos que estiven en primeira liña sindical, tamén vivín momentos que deberan facernos manter a esperanza de que se queremos e esforzámonos, podemos ter un Ourense mellor. Empresarios e empresarias que respectaban os dereitos dos seus traballadores e traballadoras, e que defendían ademáis a evidencia de que a productividade é moito máis alta cando hai un bo clima de traballo; negociacións que nalgúns casos duraron semanas coma a do conflito laboral de Citroen, na que conseguimos parar o despedimento de 500 traballadores, a folga na concesionaria do servizo de limpeza da cidade coa readmisión dunha traballadora represalia pola súa actividade sindical, e as numerosas negociacións de convenios nas que coa ferramenta do diálogo logramos chegar a importantes acordos.

A pesares dos éxitos logrados, que Ourense está en situación de emerxencia dende hai anos, é unha evidencia que nos din as nosas propias experiencias persoais ou as de amigos e familiares, pero que tamén se reflicten nos datos. Temos a taxa máis alta de Galicia de desemprego, cun incremento alarmante no último trimestre a razón de 25 persoas máis cada día, como aumenta tamén o paro de longa duración e o número de fogares sen ingresos, cunha taxa de actividade moi por debaixo da media estatal. Temos o desonroso mérito de ser os campións da precariedade e o desemprego, unha situación que lonxe de remitir non para de acrecentarse, co risco de deslocalización e perda de postos de traballo na empresa Unitono, que podería por na rúa a 130 traballadoras. Así que si, hai motivos para a esperanza, pero senón queremos que cada 1º de Maio Ourense amaneza acumulando reivindicacións de anos anteriores e engadindo outras novas, e se como na vida, sabemos que facendo sempre o mesmo non obteremos resultados diferentes, volve este mes a estar na man de toda a veciñanza transformar esta cidade e provincia nun Ourense mellor.

Te puede interesar