Opinión

A economía ourensá recupérase apoiada nas exportacións

Tras case dous anos de pandemia, con todas as dificultades económicas e sociais que esta leva aparellada, é comprensible que ás veces nos poidamos deixar levar polo desánimo. Con todo, nos momentos de maior complexidade debemos, máis que nunca, manter a perspectiva: distanciarnos das dificultades, reflexionar, analizar a nosa estratexia e recoñecer as nosas fortalezas que, nalgúns casos, sempre estiveron aí. Refírome, en concreto, á capacidade de internacionalización das nosas empresas, de compañías e pemes de Ourense que, mes a mes, atopan nos mercados exteriores solucións á actual conxuntura económica.

Neste sentido, e por quinto exercicio consecutivo, Galicia superará os 20.000 millóns de euros en exportacións. Unha cifra que a nosa terra alcanza xa entre xaneiro e outubro de 2021; é dicir, dous meses antes de que despidamos o ano. Un éxito da nosa economía e das nosas empresas no que a provincia de Ourense xogou, tamén, un papel moi importante.

Non en balde, durante este período as vendas ao exterior do tecido empresarial de Ourense incrementáronse en case un 29% con respecto aos mesmos meses do ano pasado, ata superar os 800 millóns. Cifra que cobra aínda máis importancia se atendemos ao 2019, cando a provincia pechaba ese exercicio con 884 millóns de euros exportados. De manterse este ritmo -superior ata o de agora aos 80 millóns mensuais de media-, o 2021 será o mellor ano exportador na serie histórica da provincia.

A economía de Ourense recupérase, e faino, en parte, apoiada pola internacionalización. Unha procura de novos mercados da que tiran sectores tradicionais como o da pedra natural (case 174 millóns en exportacións entre xaneiro e outubro) ou o téxtil (112,6 millóns), pero á que suman tamén outras industrias nestes dez meses do ano, como a maquinaria -que rexistra un incremento do 145% con respecto ao mesmo período de 2020-, ou o sector TIC (+115,9%).

As nosas empresas saben do enorme potencial que ofrece un mercado de alcance mundial. Os datos son irrefutables. As compañías que operan no exterior son máis produtivas, invisten máis en innovación e ofrecen máis resistencia ás vicisitudes do ciclo económico.

Neste escenario, desde a Xunta temos claro que o noso compromiso pasa pola adopción das medidas necesarias para que se internacionalice un maior número de pemes e se avance na diversificación xeográfica das mesmas.

Por este motivo, puxemos en marcha a Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, unha folla de ruta coa que queremos facilitar a saída ao exterior do noso tecido empresarial apostando pola dixitalización e a procura de novos mercados.

Sen dúbida, desde a Xunta de Galicia estamos convencidos de que a internacionalización é un proceso transversal que debe atravesar todos os nosos eixes de actuación. Deste xeito, non só superaremos antes e mellor esta pandemia que nos tocou vivir, senón que faremos unha contribución decisiva, e duradeira, á modernización da nosa economía e ao emprego.

Te puede interesar