Opinión

Ourensabio

Carlos Casares foise un día sen facer ruído, demasiado cedo, como semella cando alguén a quen prezas parte para mudar en feitura espiritual. E con ese son desapercibido co que ía pola vida, volveu para estar entre nós no acto de entrega da Medalla de Ouro da Provincia, que lle outorgou a Deputación de Ourense.

Como bo ourensabio, Carlos non era home de axóuxeres; máis ben de cordas vogais harmonizando conversas. Lubricaba con seu falar os faladoiros e coa súa amabilidade, calquera encontro. Era -por resumir e evitando adxectivos rimbombantes- unha boa persoa.

E agora que vimos de agasallalo cunha medalla penso que non hai metal máis acaído para el que o ouro, non polo valor testemuñal ou pecuniario, senón polo que esa palabra significou na súa vida. Ouro de Ourense, de Auriense, de Ouréns, de Ourensanía e de Ourensanismo, indefinibles verbas que carecen de sentido agás traducidas desde o sentimento.

Porque iso era Casares: un latexo ourensán.

Do mesmo xeito que o poeta derrama bágoas no caderno, silandeiro adrede, como manda o acto creativo, así transitaba o noso flamante medallista aurífero, sorteando vaidades a pesares dos perigosos territorios que percorría, veciños moitas veces de idolatrías de balde.

Pero a gabanza de onte foi distinta. Carlos quixo estar presente porque esta era unha homenaxe a el como guerreiro da terra que máis areas deu aos mares do mundo: Ourense. Nome de 7 letras, como Casares, como Mouriño, como a ledicia que sentimos cantos compartimos coa súa memoria o recoñecemento que a provincia de Ourense lle fai por Bo e Xeneroso, por permitirmos lembrar as súas conversas e a fondura de saberes que nos transmitiu sen troulas nin timbais.

Sei certo que si Carlos tivese sido emperador de Roma xamais entraría na cidade eterna aclamado polas masas; non o permitiría, por moitas vitorias que acadase. Buscaría algún vento ferido e un atardecer ao sol do verán, deixando os loureiros para outros. Fixádevos ata que punto é verdade o que digo que mesmo lle deixou a Deus un sillón azul para sentar, infinitamente amable como era, e como sempre será, o mellor narrador de silencios de toda a literatura: Carlos Casares.

Te puede interesar