Opinión

A rúa da Pereira

Ático Noguerol, funcionario do Concello, destacou como cronista popular de Auriabella. En “A rúa Pereira” (hoxe rúa Pontevedra) amosa parte da relación societaria da cidade: 

“Calle de Pereira izquierda indo pra á Plaza. Estas casas ocupanas á Casa de Olmedo. Por aquí pintei todo de collos hastra a calle Progreso o sea hasta a carretera.

"Este rapaz da izquierda son eu. O da dereita é Otero Pedrayo; eu vou con una varilla de un fuego na mao na outra mao levo un pedra, iba á beber á fonte do canal que se ve á izquierda, porque no pasaba por ningun fonte, aunque no levara sede, pra eu beber; ademais sempre tiña que ir diante dos Xigantes é dos Cabezudos.

"Estes Xigantes é Cabezudos, iban en todas las festas de Orense, un gaiteiro marchaba detrás de iles, é nas casas principais (que non as había ni as ai) paraban e bailaban; os Cabezudos non están pintados porque no sei facelos, estos eran de cabeza grande de cartón é vestidos de gallegos, una parexa. O Xigante parecíase a Don Augusto Novoa, que era médico do Campo da Feira é era pai de Leopoldo da Aida, tiña unha nai que lle facía doer á cabeza ó Leopoldo, o D. Augusto era viudo é tiña una criada de querida é despois botou una novia encima do despacho que lle deixara o hermao na calle de Alba, ó hermao era D. Ricardo tiña parecido á un Cabezudo, tamen era médico, Alcalde, e casado con una hirmaa do Lobit, tiña una filla moi guapa, e á otra era tollida é andaba en un carricoche que tiraba de el un a criada.

"Pero vamos a o dibuxo, nun lado estou eu, é no otro o Otero Pedrayo, collido da mao do pai, que está sin pintar, por que tampoco sei, pero ó pai tiña parecido o exministro Socialista Fernandez de los Rios; xa dixen mais de una vez que este Otero nunca foi rapaz, e decir, nunca cheirou a cacagüeses nin a tabaco, cheiraba á nai á pai, á criada á libros, nunca n a sua vida se peleo, nin tirou pedras nin se metia cos guardias, nin cos catedráticos, nin cos corvos, que eran unos estudiantes de cura que había; y as cantinas oia falar de elas, así que non e estraño que fora un bo rapaz é un bo estudiante.

"Pero deixemos todo esto do Leopoldo Novoa é do Otero Pedrayo, porque non hay xemexanza, Leopoldo é eu eramos os mais burros, sin contar claro esta co Ubaldo Alvarez Ruiz; y o Otero y o Risco eran os mais estudiosos, que agudos eramos nos mais, y o deixar estas comparanzas, volvamos os Xigantes, os primeiros que houbo eran Chinos, e despois eran de esa facha que se ven pintados, é decir con un sombreiro con una escarpela a un lado, y una levita encarnada, y á Xiganta, tiña uns pendientes y una xortixa muy grandes, estos xigantes foran vendidos a Castro Caldelas por ó Ayuntamiento de esta benemérita ciudad de Orense que non tuvo en conta á divertición dos rapaces y o medo que lle metian os rapaces medrosos.

"Hay tamén outro rapaz de aquel tempo, que non era rapaz, nin era nada, ó Cuevillas, este nunca na sua vida fixo un mallo, y eso que ten industria pra facer un maio y as coplas. Teñen mais gracia as fillas que iste ano suspenderon á una, esta sera mais muller, que ó pai foi home.

"Apartándonos tamen dos Xigantes acordáseme que por aquel entonces, cuando tocaban á levar ó Señor, o sea viático, os vecinos de todos los pisos incluso os que ocupaban un terceiro, puñan un candelabro con velas encendidas nas ventanas é nos balcos de todas las casas por donde ó levan hastra que volvía, e nas casas que había piano tocaban a marcha real; e cando era non sei que da Bula, había una especie de procesión desde Palacio Episcopal, con un á bandeira ou pendon morado, hasta a casa da calle do Instituto nº 7, é despois por la parte de atrás que da un jardin que está no dibuxo a mao izquierda, había rapañota de castañas secas é figos secos”.

 José Adrio, no libro “Del Orense Antiguo”, consideraba aos xigantes e cabezudos elementos esenciais das festas capitalinas. Adrio non atopara dato ningún sobre a súa compra; “apareceron unha tarde de invernía, con chuvia miuda e persistente, protexidos baixo amplo paraugas de tela azul e dorado regatón, suxeito por un fornido garda municipal”. A muller ía “entrada en carnes, morena e mofletuda, cun sorriso inocente”, mentres o home “posuía unha pelame ensortixada e fisonomía con aceno burlón e picaresco”. Debutaron vestidos de labregos aos sons das muiñeiras có público arrodeandoos. A súa presenza foi imprescindible en festas votivas e procesións. Auriabella emprestoullos a Allariz en xuño de 1893 para as festas de San Bieito. O alcalde alaricano solicitounos ao alcalde ourensans o dia 25 e iste deixoullos o 27. Os anos foron crueis e carentes de respecto, lesionándoos. Os concelleiros en 1899 dispuxeron o 13 de xuño a venda dos cabezudos por 10 pesetas ao señor Bacelar. 

Ricardo Nóvoa, casado cunha Lobit e irmán de Augusto Nóvoa, foi médico e alcalde na Restauración (1891-1895). O 31 de xullo de 1891 presentou o proxecto dunha nova necrópole. O 29 de setembro, elexiu o chamado “Eidos do Laso”, no antigo camiño de Castela, no Montealegre para construilo. Gobernación aprobounas en 1894. As obras non se executaron.

 Ubaldo Álvarez Ruiz era médico. David Simón, no blog “Diario de un médico de guardia”, en 2009, informou sobre as campañas de vacinación antivariólica contra a viruela que realizaron José Nogueira Mera e Ubaldo Alvarez Ruiz. 

Ático Noguerol na primeira casa da esquerda nesta foto, o número 2 da rúa Pereira, onde se ven unhas señoras no primeiro andar; no baixo estaba a “Relojería Suiza”, propiedade de Otto Bodmer, famoso artesán e reloxeiro suizo onde exerceu nela a súa profesión: a venda e reparación de reloxería; trala mesma existía unha xastrería. Bodmer tivo unha filla chamada Elisa que casara con Leonardo Pascual. A comezos do século XX trasladaron a reloxería á casa da súa propiedade, o nº 10 da rúa Lamas Carvajal. 

 Os Almacéns Olmedo ou Alfredo Romero substituíron estas edificacións. Mª Victoria Carballo-Calero no libro “La transformación de una ciudad–Ourense” expón que Daniel Vázquez-Gulías o 25 de xuño de 1925 solicitou a licenza do seu derradeiro proxecto importante encargado na cidade: un gran hotel como o Gran Hotel-Balneario da Toxa de 1880. O emprazamento resulta estratéxico: un gran solar rectangular, con vistas á Praza Maior e á Alameda do Concello. Con esta edificación remata a obra de ordenamento e urbanización da zona, nexo entre a antiga e a nova urbe. O baixo e a entreplanta do edificio reformouno Manuel Conde Fidalgo para instalar os almacéns Olmedo. As plantas de vivendas mantivéronse as de Gulias. O “Eclecticismo dos anos 20”, influiu na fachada horizontal flanqueada por dous corpos circulares coroados en torres que dan á Praza Maior e á Alameda. O labor artesanal executouna Severino López e José López, canteiros con obradoiro de marmores na rúa San Domingos; interveñen xunto con Eugenio Lorenzo Vidal.

Te puede interesar