Opinión

A do Trigo, unha praza con moito avoengo

A Praza do Trigo, ou das Olas, unha das de máis avoengo de Auriabella, é veciña da Porta Sur da Catedral. Segundo o artigo 2º do Capitulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais de 1895, publicadas na imprenta de “El Eco de Ourense”, a Praza do Trigo está integrada no Primeiro Distrito.
 No número 1 viviu o poeta e crego Antonio Rey Soto. Alí acollía a súa famosa biblioteca ata o seu traslado ao mosteiro pontevedrés de Poio. Isidoro Temes, o dono do edificio, estaba casado coa marquesa da Atalaya Bermeja. Olga Gallego define esta casa como: “Asoportalada; ten unha planta, balcón voado corrido, tres gárgolas e mansardas. Lembra un pazo virreinal”.

A casa número 3 da praza acolleu a redacción e a administración do xornal “El Radical”, “semanario tradicionalista” de periodicidade semanal. Publicouse entros anos 1910 e 1913. Foi creado por José Fernández Gallego, sucedéndolle M. Ginzo Soto. Nesta mesma casa estivo, durante un pequeno período, en 1936, a redacción e a administración do xornal “España”, de periodicidade semanal, fundado por Manuel González Cerezales; con posterioridade, trasladouse á rúa Luis Espada, nº 28. Na cabeceira portaba o escudo de Galicia coa Cruz de Santiago e unha coroa cun triple lema: Deus–Patria–Rei. María Victoria Carballo-Calero, no seu libro “La transformación de una ciudad. Orense (1880–1936)”, fálanos desta casa cuxa fachada principal de cantería é da autoría de Jesús de Vidal e que actualmente acolle varios servizos municipais, entre eles o de Enxeñería: “Na Praza do Trigo, Jesús Vidal é o artífice dunha fachada de tres plantas sobre unha das arcadas da praza porticada. Traballa en asociación con Sergio Caride. Jesús Vidal aparece citado a veces como mestre de obras, outras como canteiro, nalgunhas ocasións, como construtor. A decoración labrada en granito concentrase a partir da segunda planta por razóns de perspectiva visual xa que a praza é pequena... con acusado declive. O repertorio vai desde referencias clasicistas a postulados modernistas –secesionistas, mesmo- dentro dun marco de neobarroquismo abigarrado”.
No século XX, na praza tiña a súa sé o Círculo Católico-Tradicionalista.

 Ferro Couselo, no “Itinerario Histórico e Artístico do Orense Perdurable”, fala desta praza: “Do ‘Pan Trigo’, porque había tamen a do ‘Centeo’. Chamouse tamen das ‘Olas’ e no século XVI das ‘Praterías’, polas tendas e obradoiros que tiñan alí os prateiros. O blasonado pazo cos seus soportais de robustos piares cilíndricos que enche un dos flancos desta praza é, sen dúbida, unha das máis interesantes mostras da arquitectura civil barroca de Ourense... Enfrente quedan ainda, e Deus quera por moitos anos, vellas casonas de traza medieval con amplas balconadas sobre fortes piares”.

 Otero Pedrayo consideraba á praza do Trigo como “moi nobre cos seus soportais”.
 Vicente Risco, en “El Orense Perdurable”, opinaba sobre a praza: “Eu non sei se os cóengos paseaban moito por estes soportais, que acaso sexan os que mellor defenden da chuvia. En realidade, parecen feitos a propósito para eles. Pasear lentamente, falar largo e despazo, ver a casa denfronte e a porta da Catedral. Paseo de teólogos e de filósofos”.

 Adrio Menéndez, no capítulo XII do libro “Del Orense Antiguo”, sobre o ano 1858, informou dos oficios existentes en prazas e rúas do casco histórico, nova titulada “Oficios e costumes”: “Chegaron aos nosos días os descendentes daqueles industriais, que hai máis de 60 anos levantaban tenderetes en plena rúa, onde ofrecían ao público os seus servizos e mercadorías. Ahí están, como antano, nos recunchos, as vendedoras de froitas e confitura plebeia, sobada por cen mans infantis e invadida por enxame de moscas. Marcharon os remendóns de calzado, cuxos banquiños se erguían na rúa das Burgas e na praciña do Trigo. Nela [a praciña do Trigo] recordamos a Lozano, simpático e popular velliño”.

 O mesmo Adrio, no libro “El Liceo-Recreo Orensano”, fala, en maio de 1870, dun local clásico nesta praza: “O lóbrego Billar do Xanin, instalado nun salón que aculotaba o fume de astrinxentes tagarninas estudiantis, nun edificio da praciña do Trigo, onde o mozo Caneiro emulou ao Santo Xob”.
Adrio Menéndez, no capítulo XIV do antedito “Del Orense Antiguo”, incluiu a nova “Postos para a venda”, na que fala da anarquía dos postos ambulantes existentes na zona e a regulación realizada polo Concello: “(1866) En la mayoría de las calles y plazas de la ciudad formábanse verdaderos conglomerados con los distintos objetos de venta, en los días de la semana dispuestos para las transacciones mercantiles. Los artículos de consumo, mezclados con toda suerte de baratijas, se ofrecían al público, sin que éste pudiera hallar lo que deseaba en lugares señalados de antemano. La autoridad popular, deseosa de evitar el desconcierto en las ventas al aire libre, dispuso en 16 de junio, que se establecieran puestos fijos para determinados artículos, en los siguientes puntos:
(…) Grans, patacas e castañas, na praciña do Trigo”.

 Olga Gallego, no libro “A cidade...”, informounos sobre a Fonte Nova da Praza do Trigo: “Levou tamén o nome de Fonte Nova, e aínda o leva, outra que se fixo na praza das Olas. (...) No ano 1754 o concello concertouse co Cabido para ampliar a praza das Olas e construir unha fonte e estanque nela. Chámalle Fonte da Plazuela das Olas, cuio encanado viña da antiga dos Canos. O Concello, en compensación, daríalle a auga sobrante da fonte… En 1817 faise de novo a Fonte Nova, que é a actual Praza do Trigo, a custe, en parte, do diñeiro da alhóndiga. Dende entón sofriu outros moitos arranxos ata hoxe”.

 Olga Gallego falounos de Xan Gayoso, home vilego con fortuna, asentado nesta praza: “Outra das fortunas máis importantes era a do capitán Juán de Gayoso, mestrescola da Igrexa de Ourense, morto en 1562, sendo deán de Mondoñedo, lograda do mesmo xeito e cunha corte de criados que lle levaban os negocios de arrendos, compravendas, etc. As súas ganancias permitíronlle a fábrica da casa dos Gayoso, na Praza do Trigo, en Ourense”.
 En fin, Ourense e a catedral perderían personalidade se faltara a Praza do Trigo.

Te puede interesar