Opinión

O Espolón da Praza Maior

Na Praza Maior de Auriavella concentrábanse os tres poderes vilegos: o político, na Casa do Concello ou “Casas Consistoriais”; o relixioso, no Pazo Episcopal, e o social, no Casino dos Cabaleiros e no Espolón. Este ocupa toda a fachada leste da Praza Maior, construído en 1855. É o primeiro paseo da cidade, o dos señoritos, onde se reunía a xente culta e con poderío.

Para este ano de 1855, José Adrio Menéndez, no libro “Del Orense Antiguo”, informou que para nivelar completamente a praza debían derrubar a maior parte dos edificios existentes, explanándoa toda, cousa imposible. A poxa da obra de construción do Espolón acordouna o Concello o 1 de febreiro. Foron os vilegos os que a denominaron “espolón”. O Concello, na sesión municipal celebrada o 19 de febreiro de 1862, acordou a colocación nel de asentos e unha balaustrada de ferro. O orzamento ascendeu a 3.000 reais. 

Otero Pedrayo opinou que era un palco pétreo esencial na historia de Ourense, composto de nove casas do século XVIII, mesmo anteriores, que se apoian entre elas. Nos pisos vivían en cada un deles unha familia. As casas centrais eran altas e estreitas, “ricas de balcóns de forxados ferros, longas fiestras de antepeitos interiores, presiden os soportais mais propicios á conservación do cuadrilátero (da praza)”. Consideraba que o Espolón amosaba tódalas paixóns do século XIX. El paseábao á noitiña na invernia, acompañado polo vento e o son das campás da catedral. 

Nos soportais existían profesionais e negocios diversos que relacionarei de seguido. Sen o Espolón perderia a praza a súa peculiaridade:

A óptica Casa de los Lentes, fundada por Félix Carballo, natural de Santa María de Melias, é unha empresa centenaria situada na Praza Maior, nº 18, casa da que era propietaria a marquesa de Leis. Sucedéronno os seus fillos Manuel e Pacita. A familia manten hoxe a óptica en plena atividade.

Nel atópanse os cafés–bares o Trampitán, o Mundial e o Druida, que ocupa un dobre local (na planta baixa e, o orixinal, no soto onde se atoparon restos arqueolóxicos). No baixo houbo o estanco de dona Modesta, existente xa no século XIX como recordaba Otero Pedrayo. Este tamén cualificou á perruquería de Dorado como “decadente” e de “célebre” ao comercio de Lebrón. O local do Trampitán era, anteriormente, de Manuel Outeiriño Iglesias (Manolo Caracochas) onde tivo o Almacén Santa María e A Cavarquesa, de comidas.

Adrio Menéndez, no libro “El Liceo-Recreo Orensano”, falounos da confetaría de Casimiro da praza`, instalada na esquina da rúa Modesto Fernández o 23 de abril de 1870, que colaborou na festa onomástica do xeneral Prim cunha verbena na explanada do cuartel de San Francisco e campo de Aragón. O Liceo organizou un gran sarao a prol do mesmo xeneral, obsequiando ás damas con pastas finas de Casimiro. 

Na primeira metade do século XIX existiu un dos primeiros cafés da praza, o Cafetín, de Tiburcio Losada, que ofrecía licores de importación e foi pioneiro na venda de xeados na cidade o ano 1833. Adrio, no libro “Del Orense Antiguo”, en relación coa venda de “sorbetes”, informou de que Don Tiburcio soubo que en Madrid ofrecían os mesmos. Modernizou o local trocando o mostrador, mantendo o seu busto, aumentando as mesas e as cadeiras, colocando cadros e licores varios. O 4 de xullo reinaugurouse o café estando ocupado “de bote en bote”; foi “unha apoteose”. Os xeados servíronnos en louza de Sargadelos e culleriñas de buxo.Espolón da Praza Maior.

O empresario Leonardo Pascual sucedeu á viuva de J. Calvo no número 21 da praza, adicándose só á venda de abonos químicos. Joaquin Alvarez Sáenz posuía, en 1905, no número 13, un negocio de curtidos e aparellos propios para zapatos. A viuva de Indalecio Delage tiña no número 12 unha reloxería.

Segundo o Colexio de Avogados, na memoria do bienio 1892-1893, exercían a avogacía no número 17 Ricardo Pedrayo Ansoar e, na mesma casa, Ramón Pedrayo Silva. Este naceu en novembro de 1822. Era avogado en 1844, decano do seu Colexio no bienio 1896-97, presidente do Casino dos Cabaleiros en 1879. En 1850, sendo primeiro teniente de alcalde, loitou para rebaixar o paro na cidade coa creación da avenida de Bos Aires. Morreu en maio de 1899. Era o avó paterno de Ramón Otero Pedrayo. Tamen posuia a casa da rúa da Paz onde naceron Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco. Ricardo Pedrayo Ansoar naceu en xaneiro de 1856. Foi funcionario de Facenda e ingresou no Colexio de Avogados aos 22 anos, e continuou figurando nel en 1887. Faleceu en decembro de 1928. 

O baixo do edificio número 16 ocupábao Doña Constanza Suárez, propietaria da lencería La Confianza. Serafín Feijoo comerciante de Verín, en 1895, ocupou o local abandonado por cona Constanza cunha próspera fábrica de capas.

A viúva de J. Calvo posuía no número 21 da praza un negocio adicado a armería e á venda de máquinas de coser e bordar. No número 20, principal, exercía a medicina Julio García Pérez; fora “ex interno do Hospital Xeneral de Madrí”; era cirurxán xeral e especialista en raios X.

No Espolón existiron a Libreiría de X. Casas, sita no número 20, adicada á venda de revistas e libros. A librería Pérez Resvie estaba situada no número 19, e despois trasladouse, en 1935, ao número 11.

O Espolón, co seu atrativo, logrou que a praza sexa o espello da cidade.

Te puede interesar