Opinión

Pazo Episcopal e Museo Arqueolóxico

O Pazo do Bispo é unha edificación singular que representou un elemento construtivo básico e secular. O solar do pazo estivo ocupado, previamente, polos romanos có seu “presidium” e por unha necropole alto–medieval. O edificio orixinario data do século XII, ao que se fixeron engadidos góticos; a fachada principal é un patio románico. Có tempo, engadiuse a torre gótica de Santa María. Conforma un colosal recinto defensivo, composto por cinco ou sete torres, dividindo o núcleo urbano da cidade en dous; ocupaba a maior parte do solar que ocupa o que agora é o Concello e a parte que dá á Barreira e a Cadea da Coroa, reformada pola revolución irmandiña. O arco que unía o pazo bispal e a Cadea da Coroa (de propiedade municipal) desapareceu hai anos. O pazo e a cadea conservan nas súas fachadas escudos xemelgos. Foi declarado monumento histórico-artístico o 3 de xuño de 1931.

O Pazo do Bispo e a Casa do Concello conforman todo o lado sur da Praza Maior. Ambos representaban o poder relixioso e político, imprescindible socialmente.

Ático Noguerol Iglesias fixo dous debuxos con textos semellantes dos que insiro un de cada un. Están depositados no Arquivo Histórico Provincial (expediente C-9579).

O texto di: 

“Así debía de ser o Pazo Episcopal de Ourense en el año 1895. Tiña dous retretes salientes a rúa Coroa (hoxe Bispo Carrascosa). No dibuxo somentes se ve ún, porque me canso de pintar pedras e tellados. O balcón está sin celosias.

"O edificio da dereita era un edificio que tenía arcos en la planta baixa e derribárono por ruinoso. Estaba na rúa da Coroa esquina á Plaza Maior, onde esta a o Aiuntamento (Concello).

 "No Pazo ainda se coñece hoxe onde houbo un retrete. O outro non se distingue”.

Este debuxo ten unha característica do galego popular propia da época atiquiana: o emprego do termo “Aiuntamento” pola inexistencia do i grego en galego.

 Ramón Otero Pedrayo, no seu libro “Orense”, sobre o Pazo Episcopal opinou:

 “O antigo pazo, levantado con torres e claustro no seculo XII, confirmada xa a cidade despois das tormentas do alto medioevo, foi morada dos prelados aurienses ata hai poucos anos. Caracteres feudais e violentos, espíritos apostólicos, canonistas e teólogos, varóns na súa vida humildes, increbantables na súa autoridade como señores da urbe murada e apretada fronte ás pretensións de autonomía e liberdade do municipio se sucederon nun edificio de finura e graza románicas encuberta e abrumada por espesos muros. Hoxe loce un trozo de seis arcos do gracioso claustro románico …/…. Estas excelencias unidas por grandes patios coas solemnes rexións de construción do século XVII e XVIII integran un dos conxuntos de arquitectura non estrictamente relixiosa, mais bellos e ricos de Galicia.

 "En 1951 cedeu o Estado para museo, o pazo dos bispos. Desde o 53 (1953), comezou a instalación baixo os felices auspícios dun Congreso Arqueolóxico. No 60, completáronse as principais obras. As zonas libertadas, os grandes patios do barroco, o xardín co seu pórtico acolumnado, os conxuntos auténticos como sala de armas, cociña, gran chimenea, organizan un conxunto, severo, atraínte, ponderado, baixo o signo de evocación dos métodos modernos”. 

O museo está pechado por reformas desde hai 17 anos; reabrirase en 2022.

O Bispado trasladouse ao número 26 da rúa Progreso, fronte a Correos. O edifício data do século XVIII; daquela foi o Seminário Conciliar de San Fernando. 

O museo tivo a súa orixe en 1845, cando a Comisión Provincial de Monumentos creou o Museo de Pinturas de Ourense e a chamada Deputación Arqueolóxica. En maio de 1895, a Comisión creou o Museo Arqueolóxico Provincial. En 1904 instálase no Centro Provincial de Instrución (Instituto Otero Pedrayo). A Comisión iniciou, en 1908, a publicación de seis cadernos anuais do seu “Boletín”. Ocupou o edificio do Pazo Episcopal, onde se asentou definitivamente en 1951. 

É un conxunto monumental civil de estilo románico único que se conserva en Ourense, con elementos románicos, góticos, renacentistas e barrocos. Foi declarado Monumento Histórico-Artístico o 3 de xuño de 1931, sendo reformado, segundo o proxecto de Pons Sorolla (1960-1968). 

Os principais impulsores do Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX dirixiunos Marcelo Macías, autor do seu programa, foron: Arturo Vázquez Nuñez, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Benito Fernandez Alonso e Conde Valvis, ademais do dr. Obermaier, o padre Fita e Joaquin Fontes. 

 O Museo publicou un valioso ”Boletín”, iniciado en 1943. O seu primeiro artigo adicáronno Xesús Ferro e Xaquin Lorenzo “A Capela e Santuario do Stmo. Cristo da Catedral de Ourense”.

O Boletin Auriense substituiu, en 1971, ao Boletín da Comisión de Monumentos (1898-1960), editado anualmente polo Grupo Marcelo Macías do  Museo Arqueolóxico Provincial con artigos de arqueoloxía, historia, arte e etnografía. Desde 1982 tamen se edítan os seus Anexos.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense testemuña a Galicia desde o Paleolítico ao Medievo, destacando o megalitismo, os restos funerarios da época castreña e galaico–romana, destacando singularmente os “Guerreiros”. Poden visitarse algúns fondos na Antoloxía de Escultura en San Francisco.

O Museo debe moito a Xesús Ferro Couselo (1906-1975), director do mesmo, gran inteletual, historiador e investigador da cultura galega. 

Te puede interesar