Opinión

Pobre Asunción

Ourense e o seu Concello homenaxean hoxe a un dos personaxes aos que debían telo feito hai anos: Asunción González Vázquez, descubrindo unha placa na Praza Maior, porque a esenza dun pobo conforman a memoria, a personalidade, sensibilidade e a sociabilidade; se estas entran en crise e permite esvaecer a súa identidade propia, esmorecerá como tal.

Os vilegos ourensans que moran na Praza Maior disfrutaron, de sempre, do seu atractivo especial. Sempre foi o centro dos poderes político, relixioso e social. A praza foi o lugar onde Igrexa e Concello amosaron as súas desavinzas. As pedras das casas testemuñaron os feitos máis importantes que afectaron a Auriabella. As celebracións pracegas de máis sona foron as da Semana Santa, do Entroido, dos Maios e Corpus. 

A Semana Santa sorprendía coas horas de silenzo da cidade; os actos relixiosos eran os únicos actos que substituían a leda e cotiá vida vilega. Sobresaían as trécolas da catedral que soaban, hoxe non, os Xoves e Venres Santos. A sociedade celebraba con fervor os actos relixiosos na Semana Santa e do Corpus, na catedral e na Praza Maior coas procesións: a do “Domingo de Ramos”, a do “Encontro” do Venres Santo, no amencer; á noitiña, celebrábase a “dos Caladiños”. A que máis emocionaba era a “do Desenclavo”, realizando o acto principal na Praza Maior. Foi nesta procesión onde ocorreu un dos feitos luctuosos máis deleznabeis, o 28 de abril de 1891, que considero o primeiro acto de violencia doméstica acaecido en Ourense: cando se iniciaba o sermón do descendemento coa praza chea de xente, un mozo, Juan González, da parroquia de Reza, disparou un tiro realizado voluntariamente cunha pistola de dous canos a unha costureira vilega chamada Asunción González Vázquez porque non aceptaba as súas proposicións amorosas, feríndoa gravemente, falecendo horas máis tarde, xusto cando o Cristo era baixado da Cruz. O asasinato de Asunción conmocinou á cidade. Ramón Otero Pedrayo afirmou que Asunción coidaba nenos.

No cemiterio de San Francisco, a dereita da entrada permanece como homenaxe un libro aberto de mármore branca sobre unha columna de granito coa inscrición: “¡Pobre Asunción, Venres Aanto do 91” (1891), acompañado dun cuprés. Deseñou a sepultura o profesor, bibliotecario do Instituto, á vez que artista, Juan Fernández Pérez “Xesta”. Este a acompañaba naquel intre, provocando, quizabes, os ciúmes de Xan González. Juan Xesta, así o coñecían socialmente, naceu en 1870 e era licenciado en Filosofía e Letras, arquiveiro en Facenda e no Museo de Pinturas e autor dun libro, “La nueva biblioteca provincial de Orense. Su resurgimiento” (1942).

Este feito debe facermonos meditar que Auriabella, a segunda cidade máis literaria do mundo despois do Dublin de Joyce, coa súa fermosura e sensibilidade secular, debe lembrar á “Pobre Asunción” para evitar feitos tan tristes como o relatado, que deben ser erradicados por sempre eternamente.

Te puede interesar