Opinión

A praza do Corrixidor ou de Cimadevila

É indubidable a importancia histórica da praza do Corrixidor ou barrio de Cimadevila, que posúe a inclinación como característica propia de case todo o casco antigo; está situada ao leste da catedal e é moi querida en Auriabella. Era presidida polo pazo gótico do Corrixidor, habendo sido nomeado o primeiro deles polos Reis Católicos, en 1484, para dominar aos señores feudais ourensans. Deste pazo só quedan dous restos (inscrición do seculo XVII e un escudo dos Austrias, de Felipe II, datado no seculo XVI) inseridos nunha edificación que substituíu á orixinal que convertía a Auriabella en realenga e ía protexida polos edificios de aboengo existentes na praza. Tamén poden achegarse os paseantes desde a fachada Norte da Catedral.

Segundo o artigo 2º do Capitulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais do ano 1895, publicadas na imprenta de “El Eco de Ourense”, a Praza do Corrixidor está integrada no Primeiro Distrito.

Séculos antes, o lugar onde está a praza foi o solar onde se situou primeiramente o convento dos franciscanos, veciños da cidade desde 1238. Daquela ao lugar chamábanno “Vico Novo”; ali os frades tiñan duas casas e a súa igrexa, pero unhas loitas fraticidas propias do medievo a finais do século XIII remataron en graves disturbios o que ocasionaron o incendio e completa destrución do mosteiro.

O Colexio de Avogados de Ourense na publicación que editou na imprenta de Antonio Otero correspondente ó ano 1892 a 1893 infórmanos que José Eugenio García Ferreiro exercia a avogacía na praza do Corrixidor.

Manuel Soto Freire, no seu libro “La Imprenta en Galicia”, Xesús Ferro Couselo có “Itinerario Histórico y Artístico del Orense Perdurable”, o editor Agustín Moldes, Ramón Otero Pedrayo, Franscico Fariña Busto, no libro “Ourense”, Olga Gallego Dominguez, no libro “A Cidade de Ourense” e Eduardo Blanco Amor, na novela “A Esmorga” foron os mais interesantes autores que nos informaron sobre a praza do Corrixidor.

O Concello de Ourense, o 27 de xuño de 1887, procedeu a inaugurar a canalización das augas do rio Loña con tres fontes, unha delas na praza do Corrixidor coa que centrou parte de sus obras nesta praza.

Ramón Otero Pedrayo consideraba o Corrixidor como “moi afectuoso”. O Concello, sendo coñecedor desa querencia, colocou, en 1988, en sitio preferente da praza, a súa estatua creada polo escultor Buciños para que fora testemuño permanente da mesma. Estivera colocada en 1983 na Alameda ata o traslado definitivo. O escultor situouna como está na actualidade, para invitar aos vilegos e visitantes a disfrutar do conxunto da catedral (a ábside, o ciborrio e das torres) como o fixo o patriarca das Letras Galegas.

O escritor, xornalista e novelista Eduardo Blanco Amor centrou aos personaxes dunha das esceas principais da súa obra “A Esmorga” na praza do Corrixidor, escea atrativa e suxerente na que soubo trasmitir a vida nouturna ourensá, conservando boa parte da historia dela.

Nestra praza, na esquina, tén a sua sé a sociedade cultural fundada por Xesús Ferro Couselo en novembro de 1967, a “Sociedade Cultural Auriense”, lugar de referencia da cultura vilega. Hoxe en día chámase “Café Auriense”.

Agustín Moldes, cara ao ano 1857 instalou unha imprenta na casa número 10 da praza. Tamen editou o xornal “El Orensano”; o tamaño non era o de tabloide propio do seu tempo, senon tamaño holandesa e saía os días 1, 5, 10, 15, 20 e 25 de cada mes. Dirixiuno Joaquin Gaite Nuñez. O primeiro número imprimiuse o 15 de outubro de 1860 e o derradeiro o 15 de maio de 1865. Entre os seus redactores e colaboradores figuraban Antonio Gaite, Juan Antonio Saco y Arce, Manuel Pereiro Rey e  Juan Manuel Paz Novoa.Tamen publicou todos os domingos dende o 14 de xuño de 1866 ata abril de 1867 o xornal titulado “El Amigo de Galícia”. Alejandro Quereizaeta foi o seu director. Tiña as seccións: Editorial, Noticias, Revista estranxeira, Variedades, Gacetilla e Anúncios.

O actual colexio rexido polas Carmelitas da Caridade se atopa no solar da linaxe dos Temes, edificación que deu orixe á praza que posúe os escudos na fachada nos que se inclúen as “tau” propias da família. Posuía balcóns voados e vários escudos entre eles, o de Andrés Temes, señor do couto de Vilaseco, a mediados do XVIII; constaba de dous altos, medía 24 varas de fronte por 17 de fondo e, na traseira, tiña horta. O aluguer calcúlase en 400 reais, cáseque o mesmo que tiñan as casas dos Gayoso e dos Oca. Esta praza auténticamente medieval se completa con casas sinxelas, con fiestras case cadradas. Todas elas dánlle unha graza e peculiaridade especial. A carón do Colexio das Carmelitas existe unha capela neogótica desde 1897, obra do arquitecto Antonio Crespo.

O casco antigo de Auriabella está composto por un conxunto de rúas e prazas todas elas cunhas características e particularidades propias que lle dan mérito e categoria. Dentro del, a praza do Corrixidor ou Cimadevila debe ser visitada mais a miúdo e amada para avaliar o seu xusto mérito.

Te puede interesar