Opinión

Praza de Eirociño dos Cabaleiros

20190101180310298_result
photo_camera Ficha "Eirociño dos Cabaleiros", de Ático Noguerol. (Fonte: Lucila Varela Noguerol)

Auriabella espertou na Restauración do seu letargo adquirindo unha grande vitalidade social e económica. O Modernismo abríu novas rúas: Paseo (antes Paz Nóvoa, Vicente Pérez, José Antonio e Calvo Sotelo), San Domingos, Lamas Carvajal (antes Instituto), Concordia (antes Capitán Eloy), que ampliaron o cerne do Ourense. O casco antigo chegaba ata o Eirociño dos Cabaleiros, integrado na parte aristocrática da cidade. Del quedan poucos vestixios.
A praza do Eirociño dos Cabaleiros foi denominada tamén praza do Cid, “A Hortiña” do Eirociño que fai unha unidade coa rúa San Fernando, chamada na atualidade Irmáns Villar.

A Ático Noguerol Iglesias, funcionário municipal, Ourense débelle a conservación de moitos elementos construtivos ao facer 43 populares debuxos acompañados de notas cun total de 55 páxinas. O Arquivo Histórico Provincial de Ourense consérvaos. Lucila Varela Noguerol, neta súa, garda no seu arquivo particular outros tres debuxos e notas, entre eles o titulado “Praza de Eirociño dos Cabaleiros”. Noguerol confecionouno no tempo da República.
A denominada “Casa de María Andrea” ocupa o medio da páxina. Provén dunha revista descatalogada. O texto histórico realizado por Ático vai colocado en ámbolos dous lados do recurte. Na parte dereita situou tamen un debuxo da súa autoría da fonte filtrada instalada na praza polo Concello capitalino desde 1902 a 1905. Debaixo do grabado vése o seguinte texto: 

Ourense.- Un dos rincóns típicos da cidade menos perseguido por los obxectivos fotográficos, a Praciña do Cid.- Apunte a pluma do pintor Abelardo Bustamante (1934). E segue: Aquí nesta praza chamada do Cid, que é unha praciña que fai a rúa San Fernando, hoxe Irmans Villar; nalgún tempo chamouse Rúa do Eirociño, tamen chamouse, e consta escrito, Eirociño dos Cabaleiros, significa en español "Lugar de paseo ou tertúlia".

No nº 21 estivo o colexio dos Irmans Villar que erán (sic) Don Amador para o estudo de linguas ou letras e Don Luis Saturnino, para as cencias e 1º ensino, foron discípulos destes os Colemanes, os Ramos, os Taboadas e asi todo Ourense, mesmo estivo o Ático.

No medio da praciña do Cid e polos anos de 1902, 3, 4 e 5 había unha fonte de auga filtrada, que os filtros os tiña por dentro, e semellaba un pombar, na billa, o Aytº (Concello) púxolle uns arames de pico para que no puidéramos beber a morro e atado cunha cadea había un tarro de porcelana para poder facer uso dos filtrados.

A auga era do Canal; era rúa de moitas tabernas.

A comezos desta República, uns discípulos residentes en Vigo, trocaron con acordo do Aytº (Concello) o nome de San Fernando polo de Irmans Villar.
O fino sentido do humor amósao Ático cando se cita como alumno propio dos Irmáns Villar ao engadirlle o seu nome: “o Ático”. Para falarmos do colexio dos Irmáns Villar, Otero Pedrayo faino na biografía que lle adicou a Florentino Cuevillas, outro dos alumnos:

Cuevillas concorreu polo menos algúns cursos, ao colexio dos “Irmáns Villar”, don Amador e don Saturnino, na rúa de San Fernando, enfrente da praciña chamada clásicamente “A Hortiña”. O Colexio, de férrea disciplina, fortes e desordenados castigos, atención preferente ás matemáticas e ao latín, aparece despois de tantos anos como un dos derradeiros redutos dos seculares procedementos de “a letra con sangue entra”, imposible a todo cambio, duro, gobernado por dous homes de indiscutible mérito polo seu saber conciencioso, o seu espírito e adicación, o seu nobre estoicismo e formación moral. Corren aínda hoxe nas conversas anécdotas e contos daquel colexio, das loitas asañadas dos mestres pra obter, a forza de castigos, unhas conxugacións e unhas contas relativamente correctas de alunos incapaces ou distraídos. Veñen á memoria, se se pensa no colexio dos Villar, as grises e frías madrugadas das aulas, cárcere e monotonía desesperante de moitos finos e superiores enxeños.
Cuevillas, externo, educado, moi dono de sí, dispuxo moi cedo dunha excelente facultade de observación. Adoitaba recordar os castigos e as amizades nadas e afoutaladas no duro exercicio. Os alunos do Villar conservaron amizade e respecto, mesmo os máis castigados, prós seus severos mestres. Había, sen dúbida, un sentido de emulación e de honradeza no seu sufrir, sortear e mesmo desafiar o humor dos mestres.
Nesta praza foi colocado, no ano 1975, un cruceiro.

A “Casa de María Andrea” ou Pazo dos Armada, tamen chamada do Conde de Lemos, do século XVI, dálle á praza personalidade. Coñecida polo nome da criada do cóengo Alvarez Guntín, quen lla cedeu a ela en herdanza polo seu comportamento fronte aos franceses trala súa invasión a comezos do século XIX. Ela faleceu en 1829. Tamen posúe unha fachada póla rúa San Miguel. A casa conserva fiestras góticas e un patio pavimentado con coios. Nos séculos XIX e XX, na “Casa” ubicáronse innumerables actividades... escolas, centros políticos, colexios electorais, carpinteirias, mesmo bailes. Na actualidade, o edificio está adicado a restaurante.
Olga Gallego, escribiu: No Eirociño dos Cabaleiros está a coñecida como “Casa de María Andrea”, construida polos Armada, con fachada en L, renacentista, con patio rectangular con columnas, con fiestras de arcos conopiais, portada en arco de medio punto (…) e sobre ela un fermoso escudo. Reformas posteriores deixaron corredores sobre columnas na fachada que dá ao Eiró e un balcón voado sobre ménsuas superpostas (…)
 A mediados do XVIII era de D. Juan de Armada y Mondragón, marqués de Sta. Cruz de Ribadulla e rexedor de Ourense.

O escudo está ubicado sobre un arco de medio punto da fachada da praza; é cuartelado, posuindo un escusón central coas lises dos Deza, e os cuartos coas armas dos Armada, dos Salgado, dos Araújo e os blasóns de Gayoso e de Sotelo.

 Otero Pedrayo, sobre a “Casa de María Andrea” e a rúa Irmáns Villar escribiu: Á praciña –antes chamada “da Hortiña”, pola breve do pazo de Lemos– e en S. Miguel da ampla, fermosa e ainda desvencellada “Casa de María Andrea” –soportal e patio de columnas clásicas, portada renacentista, chan enchinarrado–, que foi dun cóengo cuxa ama defendeuno das extorsións dos franceses en 1809, e deixou o seu nome á casa, aloxamento de sociedades obreiras, escolas e xornais, como o agrario, ardente e loitador, fundado antes da célebre “Zarpa”, por D. Basilio Alvarez. Perdéronse algunhas casas de “Pallabarro” da travesía, con algunha bella fachada actual, dos Irmáns Villar.
Fronte a “Casa de Maria Andrea” atopábase unha tasca chamada “O Tucho”, onde se reunían escritores da intelectualidade galega dende a década dos sesenta ata mediados dos oitenta do século XX. Vicente Risco foi o que animou ao dono, Antonio Fontenla, a que lle puxera o nome de “O Volter”. Nel reuníanse, ademais de Risco, Otero, Ferro e outros máis que foron retratados nas paredes polos que eles chamaron “os artistiñas” (Virxilio, Quessada, Jose Luis de Dios González, Acisclo Manzano, Buciños, Prego de Oliver e Alexandro, entre outros). Sobre o ano 1985 desapareceu baixo a actuación de maquinaria dos construtores, o derradeiro testemuño do espírito da etapa da inteletualidade literária e artística do século XX.

O Eirociño, enfín, conforma ao pasealo un lugar axeitado para disfrutalo tempo e tempo. 

Te puede interesar