Opinión

Rúa da Paz ou dos Zapateiros

A rúa da Paz é unha das de maior categoría histórica e social na cidade das Burgas, con profesionais liberais, escritores, zapateiros e comerciantes do diversos campos, entre eles do teatro e cine. Leva o nome da Paz desde 1839, ano na que o pediron os seus veciños; antes era denominada dos Zapateiros, desde 1250.

José Adrio Menéndez, no libro “Del Orense Antiguo”, falou del "Convenio de Vergara” no que narra o troco do nome da rúa dos Zapateiros tan trascendental para a cidade, sendo substituido por ún tan pouco ourensán, “da Paz”: o convenio tivo lugar o 31 de agosto de 1839. O Cabido Municipal reuniuse en sesión extraordinária o 8 de setembro, dispondo a organización de festexos cívico-relixiosos que comezaron dous días despois. Foron de moito ringo rango, con atronadoras bombas e repinique das campás das eirexas sen parar. O deán Juan Manuel Bedoya encargouse do Te Deum; houbo música e unha procesión cívica presidida polo gobernador, acompañado das autoridades, pechándoa as forzas da orde. O 25 de setembro, noutra procesión, colocaron unhas placas nas vivendas de entrada e saída da rúa dos Zapateiros que dicían: “1839 - Calle de la Paz”. Os gastos eleváronse a 950 reais e 17 maravedíes.

No antigo número 25 (actual 21), naceron e viviron no seu primeiro andar Vicente Risco e, no segundo, ata a súa morte, o dono do edificio, Ramón Otero Pedrayo. Ambos conformaban, con Cuevillas e Arturo Noguerol, o “cenáculo de Ourense” e o cerne da Xeración Nós. Fronte por fronte viviu, no número 26, Xaquin Lorenzo Fernández.

Segundo o artigo 2º do Capítulo Único Título Primeiro das Ordenanzas Municipais de 1895, publicadas en El Eco de Ourense, a rúa da Paz está integrada no Segundo Distrito.

Un dos profesionais da rúa era o xoieiro Odilo F. Losada, dono de “O Cronómetro”, sito na casa nº 19, dúas casas antes da de Otero. O actual está a carón da casa de Xaquín Lorenzo. Anunciouse moito na revista Nós.

O Teatro Principal construiuno Santiago Álvarez e Sáez en 1840. Foi o decano dos teatros ourensáns, con boas condicións acústicas. A sala tiña catro andares: o primeiro, con plateas; o segundo, con palcos; o terceiro, con gradas, e no cuarto, “o poleiro”. Ao comezo, o escenario alumeábase con lámparas de petróleo. A lámpara de araña tiña tamén luces de petróleo e desapareceu en 1871 coas reformas, con nova decoración de Parada Justel, incluíndo dúas grandes máscaras. Xaime Quesada pintou o derradeiro teito. No Principal desenvolvéronse conferenzas, concertos, zarzuelas, obras teatrais e bailes, asembleas e mitins, e, desde 1915, tamen cinema. Daquela outros actos foron: a homenaxe ao Padre Feijóo en 1878; celebráronse os Xogos Florais de 1876, 1881, 1901, 1902 e 1903 coa presenza de Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán; tamen ocupou a tribuna Miguel de Unamuno. En 1917 acaeceu a homenaxe a Marcelo Macías. Mesmo houbo grandes festas de Entroido. O Concello tivo palco propio. Joaquín Álvarez y Sáenz pretendeu derribalo en 1913 para construir vivendas. Non foi a derradeira vez que a piqueta tentou botar abaixo o teatro. José Riando reformou o local reinaugurándoo en 1915. En 1975 pechou e diversos colectivos loitaron para a súa recuperación. En 1976 deu comezo a campaña titulada “Salvemos o Principal”. En 1992 foi novamente aberto, sendo propietario e reactivador a Deputación.

Vicente Cid Rodríguez, notario receptor do Tribunal Eclesiástico da diócese, residiu no número 18 no ano 1892.

Xa en 1900, fronte ao Principal, no número 14, existía a perruquería de Eduardo Rey Custodio, á que Otero Pedrayo cualificaba como "a do flamante Custodio", na que se realizaba unha pequena tertulia. Outra tertulia eminente de comezos de século XX era a do avogado José Méndez Nóvoa, xá existente na rúa da Paz en 1892.

Nesta rúa estaba situada a ferraxería de Cambón e Domínguez.

Outro personaxe senlleiro era o ferraxeiro Manuel Castro Valdés, Chaviñas, porque na porta do seu negocio amosaba unha enorme chave de ferro, produto no que destacou, polo que era considerado o “rei das pechaduras”.

A primeira entidade bancaria de Ourense foi o Banco de España en 1860. En 1880 posuía duas oficinas, na rúa San Miguel e na da Paz. O banqueiro Ignacio Sáenz Pastor era o seu comisionado. Os corredores de comercio Modesto Pavón Sequeiros, Manuel de Sás ou Hipólito Bravo e os delegados das empresas de seguros La Unión e o Fénix, L'Union ou La Mutuelle eran seus clientes. A casa era o número 13. Neste mesmo número, Joaquín Álvarez Sáenz posuíu un negocio de curtidos e aparellos para zapatos, anunciado no xornal Piave en 1905.

Adrio Menéndez informounos que o francés de Bayona señor Montesplán ofreceu, en 1866. a instalación de 10 faroles de gas en varias rúas, entre elas, a da Paz.

Luis Madriñán Mejid rexentaba, en 1891, unha academia para as oposicións a Correos. A rúa dos Zapateiros tamen acolleu o café-confitería “Lis”.

A casa número 12 tivo un irresistible atrativo para o xornalismo. Con ela estiveron relacionadas as seguintes publicacións: a imprenta “La Editorial” e catro xornais que se imprimían nela, o xornal decenal El Maestro Orensano (1902-1908), de Angel Ferrín Moreiras; La Voz de Celanova (1893-1895), de Luis Meleiro; o semanario Galicia Ilustrada, e o dominical El Eco Antelano (1911-1912).

Na rúa da Paz estiveron instaladas dúas empresas funerárias: “La Soledad” (1915 e 1916) e “Santa María Madre” (1917), con sé no número 27.

No xornal La Voz Pública apareceron, en 1916, anuncios de varias empresas no nº. 24 da rúa dos Zapateiros: a xestoría de Aureliano Ares, a tintorería Paris e a armería de Eduardo Villot.

No ano 1898 o cinema apareceu en Auriabella a carón do Teatro Principal, e desde 1910 inauguráronse dúas salas cinematográficas: o “Salón Variedades” e o “Cine Moderno”.

Un comercio especializado en chapeus de señora era a “antiga casa de Teresa de Lage”, situada no principal da casa 25 da rúa da Paz, como nos informa o xornal El Miño en 1906. Na casa nº 2, dos Deza, do século XVIII, tivo a súa sé a xastrería de Alejandro Blanco. No número 4, o xornal El Miño, de 1906, inseriu un anuncio relacionado coa moda da que era titular Anselmo Garrido, especializado en sedas “en negro e en color para vestidos”.

No xornal El Trabajo, en varios números, entre eles o 22 de decembro de 1879, aparece o anuncio da famosa máquina para coser Singer, situada no número 30 da rúa dos Zapateiros.

Vai claro que a rúa da Paz ou dos Zapateiros ten un aquel especial.

Te puede interesar