Opinión

A señorial rúa Hernán Cortés

Hernán Cortés é unha das rúas máis antigas, señoriais e históricas por excelencia de Auriabella, prolongación natural da praza do Trigo. Ten a súa orixe na porta sur da Catedral, unida a mesma pola rúa Cisneros e remata na praza de San Cosmede. Conserva aínda hoxe dos vellos pazos os escudos, porches e soportais en casas que os substituíron.

 Segundo o artigo 2º do Capítulo Único, título primeiro das Ordenanzas Municipais do ano 1895, publicadas na imprenta de “El Eco de Ourense”, a rúa de Hernán Cortés está integrada no Cuarto Distrito.

A traza de Hernán Cortés (Pena Vixía) é sinuosa e estreita, ainda que se amosa construtivamente alterada, pero conserva a súa orixe medieval. Alguns blasóns e fachadas das casas conservadas na actualidade certifican que foron solares das casas máis significativas da época decimonónica coas armas de Yañez de Novoa, Enríquez, Moscoso, Araujo, Puga e Feijóo, que domina a praza de San Marcial, ou a gótico-tardía, con arco conopial con floróns e balcón e fiestras na que fue a casa pacega da arquitectura gótica dos Rui Díaz de Cadórniga –como confirma un documento de 1564-, única que se conserva, fronte ao calexón do Turco, que nos leva á rúa das Chousas emparentados cós Novoa e Enríquez, coas que coinciden nas armas, iguais nas dos blasóns reinstalados nas fachadas decimonónicas fronteirizas ao Arquivo Histórico Provincial, integrado no Pazo Episopal.

Outra importante edificación é a do pazo do Conde de Troncoso, de dous andares e dous fermosos escudos na fachada, de comezos do século XIX. Seguindo a rúa, a carón da ermida de San Cosmede e San Damián, rematando o que era urbe renacentista, atópase a casa dos Amoeiro –coñecida como dos Encinas-, substituída recentemente por outra que copia a antiga.

O Colexio de Avogados de Ourense, na súa publicación realizada pola Imprenta de Antonio Otero, comunica que no número 23 da rúa Hernán Cortés exercían a avogacía: Venancio Moreno desde 1851 e Ignacio Moreno Pérez, mentres que Juan Taboada tiña o despacho no número 12. En relación co Tribunal Eclesiástico da Diócese, o Colexio de Avogados sinala que o procurador eclesiástico Luis Pedrayo Valencia vivía na casa nº 7.

Desta rúa foi veciño de ringo rango José García Mosquera, catedrático de Latín e de Ética e Retórica do Centro de Instrución Pública do Posío, que viviu e morreu na casa número 10. Dáse a circunstancia que Filomena Dato Muruais viviu nesta mesma casa trala morte do primeiro. Tamén Valentín Lamas Carvajal, que o fixo no número 27. Miguel de Unamuno, o catedrático e pensador salmantino, moi a comezos do século XX, visitou a Filomena e Lamas nesta rúa.

Paga tamén a pena mencionar a Torre de Fonte Arcada, pechando a rúa onde comezaba a praza San Cosmede, unha das portas da cidade cunha casa adxunta, de 1326. A súa situación era estratéxica, na parte alta da cidade, con acceso a San Francisco e a entrada a Pena Vixía. Debía ser do Concello, pois en 1437, o notario Alvaro Cid toma testimonio contra Men Suárez, procurador do Concello, e contra o rexedor Gutierre Afonso, que tiña aforada a torre da Fonte Arcada que quería vender; din que lle daban por ela 1.000 maravedis.

O Concello debeuna recuperar, posto que no ano 1520 o xuiz Fernán Pérez de Andrade e os rexedores Vasco Blanco, Pero Yáñez de Nóvoa, Pedro Rodríguez da Moreira, Rodrigo de Moure Pérez de Puga aforan a Gutierre de Sandoval e a súa muller dita torre, que é propia da cidade, de pedra e madeira, por un real de prata ao ano, coa condición de darse por recibido de 147 reais que a cidade lle debía da casa da cárcere e obligarse a corrixir á súa custa a parte caída da casa da carnicería, e non derrubala para levar a pedra a outra parte por se fora mester para que a cidade e veciños puidesen empregar dita torre para o seu amparo e defensa, vixiando o camiño que entraba desde Maceda. A situación estratéxica da torre aconsellaba ao Concello tomar precaucións para non perder o seu control.

Aquí estaban os bancos ocasionais de carniceiros, polo que tamén a unha parte desta rúa se lle chamou “dos Brancos”. 

 En Hernán Cortés tiveron a súa sé tres xornáis:

 “La Nacionalidad”, de corte católico–monárquico e periodicidade semanal, coa súa redacción e administración no número 23. Publicouse en 1870 alo menos ata o mes de setembro. 

 O semanario “Heraldo de Galicia” saía os luns. Tiña a redacción e a súa administración no número 30. O seu primeiro número publicouse o 27 de outubro de 1930, e o derradeiro, o 7 de xuño de 1936. O seu primeiro director foi Ricardo Outeiriño.

A “Crónica Literaria”, semanario de Literatura, Ciencias e Artes, tiña a redacción e a administración no número 28 desta rúa. O seu primeiro número saiu do prelo o 1 de novembro de 1903 e o derradeiro, o 16 de febreiro de 1904, e Luciano Cid Hermida foi o seu director. Nesta mesma casa estaba a imprenta de Agustin Moldes, que segundo os anuncios publicados nos números 1, do 1 de novembro de 1903, e 14 de 31 de xaneiro de 1904, da “Crónica Literaria” estaba “a cargo de José Viejo”.

A comezos do século XX unha das sociedades ourensás por excelencia se ubicaba nesta rúa de Hernán Cortés, chamada o “Gran Triunfo”, que posuía un salón de baile. Tamén neste século, e políticamente falando, os republicanos realizaban as súas reunións nesta rúa.

 Enfin, esta suxerente rúa dálle valor ao casco antigo de Auriabella.

Te puede interesar