Opinión

Domingo Fontán

Opasado vinte e catro de outubro cumpríronse cento cincuenta anos do pasamento de Domingo Fontán (1788-1866). Pero, quen era Domingo Fontán?  Por desgraza, pouca xente o sabe. Nunha consulta ós meus alumnos do instituto, a ningún lle soaba o nome; pero incluso entre xente con título universitario adoita ser descoñecido. E non obstante, o seu mapa de Galicia, completado en 1834, talvez sexa a obra de máis mérito científico feita nunca por un galego. Só por iso, todo natural desta terra con estudos medios debería poder dar razón del. Dirán algúns que a súa obra quedou superada polos mapas máis modernos, pero tamén a táboa periódica de Mendeléiev quedou superada pola actual e non por iso se deixa de honrar ó químico ruso: porque era o pioneiro. E iso mesmo foi Fontán: un pioneiro, no seu caso da cartografía científica en Galicia e en España.

Ademais, a biografía de Fontán resulta exemplar desde moitos puntos de vista. Dunha familia humilde de Porta do Conde (Caldas de Reis), estudou grazas a dous tíos curas. E o seu currículo demostra ata que punto aproveitou a posibilidade que lle deron: bacharel en filosofía, en canons e en leis; doutor en teoloxía e en artes; profesor de retórica, de francés, de inglés e de metafísica; catedrático por oposición de “matemáticas sublimes”, praza na que substituíu en Santiago ó seu mestre José Rodríguez, o famoso matemático de Bermés; director do Observatorio Astronómico e catedrático de xeometría e astronomía en Madrid. De ideoloxía liberal, foi perseguido por esta condición –a persecucións dos mellores, tan característica na historia de España-, o que lle custou a suspensión da súa cátedra de matemáticas, en 1823, cando o regreso do absolutismo, e a posterior separación da cátedra e da dirección do Observatorio Astronómico de Madrid, en 1840, tralo pronunciamento de Espartero. Tamén foi deputado por Pontevedra nas Cortes de 1836, por Lugo nas de 1837, e por  Pontevedra nas de 1839.

Pero a obra pola que merece ocupar un lugar destacado entre os grandes de Galicia é o seu mapa ou carta xeométrica. Sen máis axuda cós seus coñecementos e o seu patrimonio persoal, botouse ós camiños para, durante dezaseis anos, os que van de 1818 a 1834, percorrer o país, parroquia a parroquia, coto a coto, río a río, vila a vila, e así, mediante a medida e o cálculo, seguindo o método da triangulación xeodésica, poder colocar cada accidente xeográfico no seu sitio sobre un mapa a escala 1:100.000, unha cousa que  nunca se fixera en España. En 1837 dicía no Parlamento: «gasté dieciseis años de vida y más de dieciseis mil duros de caudal en levantar la Carta de Galicia... ¿Y de que sirve todo esto? Esa obra aún no se publicó”...».  Ó final o mapa acabouse gravando en París, por encargo do goberno, e 500 exemplares chegaron a España en 1847. Pero Fontán aínda tivo que poñer 4.500 francos do seu peto e pasar polo mal trago de ser ignorado na distribución da súa obra: evitaron calquera homenaxe e nin lle deron uns poucos mapas para agasallar ós seus amigos... Pero nin con esas deixou de servir a Galicia; de volta en Santiago, aínda participou nos estudos preparatorios das primeiras liñas de ferrocarril de Galicia e presidiu a Sociedade Económica de Amigos do País.

Todo esta historia faime lembrar algo que escribía Albino Núñez neste diario nun artigo de 1956: «El Quijote  fue escrito en un lugar “donde toda incomodidad tiene su asiento”..., ese es el único camino que conduce a la realización de cosas verdaderamente grandes». E tiña razón don Albino, pero non deixa de molestar que sabios coma Fontán sigan sendo ignorados, mentres ducias de mediocridades son vivamente celebradas.

Te puede interesar