Opinión

Conversas con Peña Rey

Ovello milenario estaba feliz. Falara co seu amigo e antigo camarada Manuel Peña Rey e a conversa, coma sempre, foi enriquecedora. Manolo ten una memoria privilexiada e lembra detalles que pasan desapercibidos a maioría da xente. Falaron de tempos pasados e coincidiron na importancia de transmitir ás futuras xeracións aqueles acontecementos que marcaron historia de Ourense nos derradeiros anos da ditadura, nos que eles dalgún xeito participaran. Coincidiran militando no Partido Comunista Galego (PCG) a finais dos anos sesenta do século pasado. Foron anos cargados de acontecementos nos que unha minoría de persoas comprometidas coas liberdades expuxeron a súas vidas e as das súas familias á represión dun réxime agonizante e cruel. A gran maioría do pobo ourensán mantívose á marxe e, en calquera caso, non participou directamente no enfrontamento coa ditadura. A loita desenvolveuse na clandestinidade e na legalidade; fundamentalmente no mundo da cultura e dos movementos sociais.

 A participación dos intelectuais no compromiso polas liberdades foi na cidade de Ourense dunha relevancia teóricamente inexplicable. O compromiso materializouse e visualizouse no pechamento na

Catedral, na capela do Santo Cristo, en protesta polo proceso de Burgos, onde as penas solicitadas pola Fiscalía contemplaban nove de morte e mais de cincocentos anos de privación de liberdade para outros sete acusados (a presión internacional fora tan grande que Franco viuse obrigado a conmutalas condenas a morte). Como consecuencia do pechamento solidario, moitos dos demócratas confinados foron expulsados do seu traballo: entre eles, Manolo Peña, Santiago Lamas e María de los Ángeles Montes (Quiques)... tamén estiveron no encerro Agustín Perianes, os escultores Baltar e Acisclo Manzano, os pintores Quessada, Alexandro, Virxilio e Vidal Souto, Cuca Tovar, José Luis López Cid, Eduardo Blanco Amor, Augusto Valencia, Javier Martínez Randulfe... Non se pode esquecer que mentres este durou un grupo de xuvenís militantes comunistas facía “buzoneo” nos portais das rúas da cidade explicando as razóns do acto reivindicativo (repartíronse máis de tres mil panfletos).

opi_31

Ambos coincidían na importancia que tiveron os intelectuais demócratas, especialmente os comunistas, nas actividades culturais dos anos 70 na cidade de Ourense. Un pebideiro fundamental foi o desenrolado pola librería Gráficas Tanco, rexentada por Carlos Vázquez. Na trastenda do local (o propietario chamáballe inferno) había acceso aos libros prohibidos polo réxime, que xenerosamente vendía, moitas veces o fiado, o ilustre libreiro. Ademais do clandestino mercado, os asiduos gozaban da tertulia con Carlos e co seu amigo e colaborador Antón Tovar (sen dúbida o mellor poeta intimista de Galicia). Manolo fixo fincapé na relevancia que tiveron as asociacións culturais, redutos onde se respiraban os aires de liberdade que empezaban a fluír na sociedade polo esgotamento da ditadura. Na cidade das Burgas, tres delas destacaron pola frenética actividade desenvolvida: a Auriense, Breogán e o Ateneo.
O vello milenario manifestou a tristura que lle produce, co motivo do centenario da aparición da revista Nós, o esquecemento dos actos da homenaxe que no ano 72 celebrou a Asociación Cultural

Breogán; neles participaron como conferenciantes Xaquín Lorenzo (Xocas) que disertou co tema “Valor científico da revista Nós”; Carlos Casares, co tema “Literatura galega actual”; Xesús Alonso Montero, sobre “A revista Nós, medio século despois, cavilacións dun historiador”, e Ramón Otero Pedrayo, que falou sobre “Recordo da revista Nós”. O ciclo tivo lugar nos salóns do Liceo ourensán, e foi recollido polos medios de comunicación con fotografías e resumo das conferencias. Manolo tiña unha agarimosa relación con don Ramón, xa que o seu pai, o prestixioso doutor Peña Rey, fora amigo e compañeiro de partido do ilustre escritor, quen non dubidara en redactar una afectuosa carta os xuvenís integrantes de Breogán, letras que foron lidas polo periodista Luis Alvarez Pousa no cine Avenida, onde se escenificou a obra de teatro “Os vellos non deben namorarse”, de Daniel Rodríguez Castelao. A HISTORIA non debe se esquecida, e menos polos historiadores. As conversas con Manolo terán continuidade. Ourense foi singular. 

Te puede interesar